Netanyahu di que Irán "cometeu un grande erro e pagará por iso" tras ataque a Israel
Netanyahu di que Irán "cometeu un grande erro e pagará por iso" tras ataque a Israel
Irán dá por finalizado o seu ataque a Israel, a menos que Tel Aviv incite a “máis represalias”
O Consello de Seguridade de Nacións Unidas reúnese de emerxencia este mércores
Irán lanzou este martes pola tarde un ataque de mísiles contra territorio israelí
O primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu asegurou este martes, tras o ataque con máis dun centenar de mísiles desde Irán, que a República Islámica "cometeu un grande erro esta noite e pagará por iso".
A mensaxe de Netanyahu, ao comezo dunha reunión do Goberno, é a das súas primeiras declaracións desde que Irán o martes á noite lanzase uns 180 mísiles contra o país e obrigase millóns de persoas a buscaren refuxio.
"O réxime de Irán non comprende a nosa determinación de defendernos e a nosa determinación de tomar represalias contra os nosos inimigos", aseverou o líder israelí nun comunicado.
"Manteremos a regra que establecemos: a quen nos ataque, atacarémolo", reiteirou Netanyahu.
Así mesmo, o mandatario israelí tachou de "fracaso" o ataque de Teherán que, lembrou, "foi frustrado grazas ao sistema de defensa aérea de Israel", que logrou interceptar a maioría dos mísiles e que non deixou vítimas.
A Garda Revolucionaria iraniana, pola súa banda, afirmou que atacou obxectivos militares durante o bombardeo con mísiles contra Israel e que o 90 % dos proxectís alcanzaron os seus brancos.
"Estamos a loitar contra o eixo do mal en todas as partes, incluídos os nosos heroicos soldados que agora operan no sur do Líbano e Gaza", advertiu Netanyahu, en referencia á incursión terrestre lanzada este martes en zona do sur no Líbano.
O mesmo ton ameazador adoptou o portavoz militar israelí Daniel Hagari, quen tamén dixo que este ataque "terá consecuencias" e que o exército ten plans para actuar "no momento e no lugar" que elixa.
Este foi o segundo ataque de Irán contra Israel desde que o pasado mes de abril atacou por primeira vez territorio israelí noutra serie de bombardeos con mísiles e drons.
Irán dá por finalizado o seu ataque a Israel, a menos que Tel Aviv incite a “máis represalias”
Irán afirmou este mércores que dá por finalizado o seu ataque con 200 mísiles balísticos a Israel, a menos que o Estado xudeu "decida incitar a novas represalias", ante o que advertiu que recibirá unha dura resposta.
“A nosa acción concluíu a menos que o réxime israelí decida incitar a novas represalias”, dixo o ministro iraniano de Exteriores Abbas Araghchi, nunha mensaxe en X.
“Nese caso, a nosa resposta será máis contundente e máis poderosa”, advertiu o diplomático.
Araghchi indicou que Irán mantivo unha “enorme moderación durante case dous meses, para dar espazo a un cesamento do fogo en Gaza”, algo que non ocorreu.
Por iso, decidiu lanzar o ataque contra “obxectivos exclusivamente militares e de seguridade”.
Finalmente, lanzou unha mensaxe aos aliados de Israel, presumiblemente aos Estados Unidos.
“Os facilitadores de Israel agora teñen a maior responsabilidade de controlar os belicistas en Tel Aviv en lugar de involucrarse na súa tolemia”, subliñou.
Earlier this evening, we exercised self-defense under Article 51 of the UN Charter, targeting solely military & security sites in charge of genocide in #Gaza and #Lebanon.
— Seyed Abbas Araghchi (@araghchi) October 1, 2024
We did so after exercising tremendous restraint for almost two months, to give space for a ceasefire in… pic.twitter.com/SJJrAhxIdN
O xefe de Estado Maior das Forzas Armadas, maior xeneral Mohammad Bagheri, tamén avisou este mércores a Israel de novos ataques se responden as accións de onte á noite.
“Se o réxime sionista non é controlado e toma medidas contra Irán, atacaremos todas as súas infraestruturas”, dixo Bagheri, citado por axencias iranianas.
Irán lanzou este martes un ataque cuns 200 mísiles contra Israel en resposta polo redobramento da ofensiva israelí contra o Líbano, dos cales, segundo a Garda Revolucionaria, o 90 % alcanzaron os seus brancos.
O corpo militar de elite asegurou nun comunicado que entre os obxectivos alcanzados se atopaban aqueles onde foron planeados os asasinatos do líder de Hamas, Ismail Haniyeh, o xefe de Hezbollah Hassan Nasrallah e un xeneral iraniano.
O Consello de Seguridade de Nacións Unidas reunirase de emerxencia este mércores
O Consello de Seguridade de Nacións Unidas reunirase de emerxencia este mércores para discutir a situación xerada en Oriente Medio por estes ataques.
Irán pedira o sábado unha reunión do Consello, tras a salva de ataques israelís contra o sur do Líbano, e onte fíxoo pola súa banda Israel, tras sufrir o ataque iraniano.
Na Casa Branca, o asesor de Seguridade Nacional Jake Sullivan asegurou que aínda que este novo ataque iraniano contra Israel resultou "ineficaz", é unha "escalada significativa" e terá consecuencias, aínda que non quixo adiantar ningunha medida ata avaliar o alcance do ataque con detemento e falar con Israel e os seus aliados.
Os Estados Unidos mobilizaron o seu poder militar este martes para axudar a Israel a interceptar os preto de 200 mísiles lanzados por Irán contra ese país, cuxo impacto sobre o terreo, segundo as autoridades estadounidenses, foi limitado, pero terá consecuencias para Teherán.
O aumento da tensión na zona xerou múltiples reaccións entre a comunidade internacional con chamamentos ao cesamento das hostilidades para evitar unha escalada do conflito.
Entre as máis significativas, as da OTAN, co seu novo secretario xeral o neerlandés Mark Rutte pedindo desde a súa toma de posesión do cargo este martes que conclúan "canto antes" as hostilidades no Líbano, tras a incursión iniciada por Israel.