Noelia Rey, premio Circom ao Novo Talento en Pantalla 2022
Noelia Rey, premio Circom ao Novo Talento en Pantalla 2022
A presentadora do 'Malicia noticias' recibe este galardón despois de que en 2019 recaera na xornalista Alba Mancebo
Noelia Rey (Ourense, 1995), presentadora do programa 'Malicia noticias' da CRTVG, foi recoñecida este mércores nos Premios Circom Regional 2022 co galardón ao Novo Talento en Pantalla en 2022.
É a segunda vez en catro anos que a CRTVG acada o premio ao Novo Talento en Pantalla, logo de que en 2019 o galardón recaera na xornalista Alba Mancebo.
Noelia Rey, ademais de presentar o 'Malicia noticias', formou parte dos equipos dos espazos ‘Aquí Galicia’, ‘Adiviña quen vén esa tarde’ ou do concurso-karaoke do verán ‘Cantas ou non?’. Foi tamén unha das elixidas para presentar o programa especial dar badaladas de Noitevella.
Os Premios CIRCOM Regional foron creados hai máis de 30 anos para galardoar os mellores programas de televisión producidos e emitidos por canles rexionais públicas de toda Europa.
A entidade reúne preto de 250 canles de televisión públicas rexionais de 30 países europeos, e este ano os premios serán entregados no mes de maio unha gala en Galway (Irlanda).
Ademais do premio a Noelia Rey, outra produción da Televisión de Galicia, ‘3 camiños’, foi recoñecida nestes premios europeos do audiovisual, cunha mención especial na categoría ‘Entretemento e ficción’.
Outros galardóns
A CRTVG obtivo outros galardóns neste certame, o último, en 2020, para o documental ‘Máis ca vida’, cunha mención especial na categoría ‘Minorías en sociedade’. En anos anteriores, a serie ‘Matalobos’ lograra o premio a mellor ficción de televisión.
O programa ‘No bico un cantar’ e unha reportaxe de ‘Deporte extra’ foran tamén distinguidos con respectivas mencións especiais en pasadas edicións do Prix CIRCOM.