Israel acusa seis xornalistas de Al Jazeera en Gaza de ser "axentes" de Hamas
Israel acusa seis xornalistas de Al Jazeera en Gaza de ser "axentes" de Hamas
O exército asegura que atopou documentos no enclave, que supostamente probarían a súa relación coas milicias palestinas
Acúsaos de ser "altofalantes da propaganda de Hamas" a través desta canle de televisión qatarí, que está prohibida en Israel desde o mes de abril
O Exército israelí acusou este mércores seis xornalistas en Gaza da canle de televisión qatarí Al Jazeera, prohibida en Israel desde o pasado mes de abril, de "ser axentes da ala militar" de Hamas e da Yihad Islámica, asegurando que atopou documentos no enclave que supostamente probarían a súa relación coas milicias palestinas.
"As forzas de seguridade revelaron información de intelixencia e numerosos documentos atopados na Franxa de Gaza que confirman a afiliación militar de seis xornalistas de Al Jazeera en Gaza coas organizacións terroristas de Hamas e da Yihad Islámica", indicou o Exército nun comunicado, no que cita con nomes e apelidos os xornalistas.
Na nota, indican que os documentos atopados sobre estes seis xornalistas gazatís inclúen "cadros de persoal, listas de cursos de formación para terroristas, directorios telefónicos e documentos de salarios de terroristas".
Para Israel estes documentos "constitúen unha proba inequívoca de que estes individuos actúan como axentes militares das organizacións terroristas na Franxa de Gaza" e son altofalantes da "propaganda a favor de Hamas" especialmente no norte da Franxa a través de Al Jazeera.
As acusacións de Israel contra os xornalistas de Al Jazeera prodúcense despois de que nas últimas tres semanas as tropas israelís recruasen a súa ofensiva no norte da Franxa, causando xa máis de 700 mortes, miles de feridos atrapados e decenas de miles de desprazados, segundo datos da ONU.
Este martes Al Jazeera denunciara que Israel está a impedir a "evacuación médica urxente" de dous dos seus xornalistas que resultaron gravemente feridos en ataques israelís na Franxa hai dúas semanas.
A canle qatarí está prohibida en Israel desde abril pasado, cando foi acusada polo Goberno de ser "un dano para a seguridade nacional".
O pasado 22 de setembro, Israel tamén ordenou o peche da oficina qatarí en Ramala, na Cisxordania ocupada, tras irromper con soldados na sede, onde incautaron e esnaquizaron equipos.
Durante a invasión da oficina, os soldados arrincaron un cartel da xornalista Shireen Abu Akleh, asasinada hai dous anos por un soldado israelí mentres cubría unha redada militar en Cisxordania ocupada.
Tras o peche da oficina de Ramala, a organización non gobernamental Amnistía Internacional acusou as autoridades israelís de "outro ataque descarado contra o dereito á liberdade de expresión" e de dar un "golpe demoledor" á liberdade de prensa.
Al Jazeera é unha das canles con máis xornalistas na Franxa, onde o Goberno israelí non permite o acceso á prensa internacional.