Normandía conmemora o 80 aniversario do Día D entre turistas e líderes mundiais
Normandía conmemora o 80 aniversario do Día D entre turistas e líderes mundiais
Por primeira vez non se convidou a Rusia (como herdeira da Unión Soviética), pero si a Ucraína
Este ano haberá unha cerimonias de homenaxe á resistencia e outra á poboación civil falecida
Carlos III, Macron e Biden protagonizarán os actos centrais o 6 de xuño, a data do desembarco
As praias e as verdes praderías de Normandía volven ser esta semana o escenario dunha das conmemoracións históricas máis famosas, o aniversario do desembarco de 1944 que marcou o inicio da liberación de Francia e o noroeste de Europa da ocupación nazi.
Ao redor dun millón de visitantes e varias decenas de xefes de Estado e de Goberno visitarán a rexión os próximos días para participar nas numerosas cerimonias e homenaxes neste 80 aniversario. Un amplo dispositivo, de 43.000 policías e soldados, encargarase da seguridade.
Ademais da lembranza histórica, esta conmemoración ten unha marcada tintura política internacional, xa que por primeira vez non se convidou a Rusia (como herdeira da Unión Soviética) pero si a Ucraína.
O Día D
O 6 de xuño de 1944, o Día D, tivo lugar a maior operación militar anfibia da historia ata aquel momento, na que 7.000 buques e 9.500 avións de todo tipo permitiron desembarcar en chan francés 132.000 soldados e 3.200 vehículos.
Ao final desa primeira xornada, os aliados aseguraran unha cabeza de ponte en Francia desde a que comezar o ataque ao corazón de Alemaña, pero ao prezo dunhas 10.000 baixas entre persoas mortas e feridas.
Tras máis de dous meses de duros combates na rexión, a batalla de Normandía terminou en Falaise, o 21 de agosto, cunha soada derrota nazi. A partir de aí, os aliados lanzaron unha rápida carreira cara á fronteira alemá, e a liberación de París chegou só catro días despois.
Este ano, organizáronse unha serie de eventos para lembrar outros aspectos da traxedia da guerra que normalmente non se trataron.
Homenaxe á resistencia e á poboación civil
O mércores 5, o presidente francés Emmanuel Macron encabezará dúas cerimonias, a primeira na veciña rexión da Bretaña, en homenaxe á resistencia, que coas súas sabotaxes a comunicacións e transportes complicou moito a chegada de reforzos alemáns.
A outra será en Saint Lô, nun recordo inédito das 20.000 persoas, poboación civil, que morreron durante os bombardeos aliados e os combates nos case tres meses que durou a batalla de Normandía.
Actos centrais
O xoves 6, o día do aniversario, o rei Carlos III inaugurará un novo monumento ás tropas británicas en Ver sur Mer.
Despois, o presidente estadounidense, Joe Biden, encabezará a cerimonia de homenaxe ás tropas do seu país que asaltaron Omaha Beach, onde tiveron lugar os combates máis feroces do Día D, ata o punto de que a praia recibiu o sobrenome de "Omaha a sanguenta".
Máis tarde terá lugar a tradicional cerimonia internacional en Coleville sur Mer, coa presenza duns 25 xefes de Estado e de Goberno de Europa e de América do Norte.
Ademais de Macron e Biden, estarán os presidentes de Italia, Polonia, Eslovaquia e República Checa; os xefes de Goberno de Alemaña, Reino Unido, Canadá, Países Baixos, Dinamarca, Noruega e Luxemburgo; e os reis do Reino Unido, Países Baixos, Bélxica e o gran duque de Luxemburgo.
Rusia ausente, Ucraína convidada
Rusia non foi convidada neste aniversario. "Non se dan as condicións para a súa participación" debido á súa invasión de Ucraína, segundo o Elíseo. En cambio, si estará o presidente ucraíno, Volodímir Zelenski.
Ao día seguinte, Biden acudirá á Pointe de Hoc, escenario dun dos combates máis difíciles das tropas estadounidenses, nunha intervención na que destacará "a importancia da defensa da liberdade e da democracia", segundo avanzou a Casa Branca.
Ese mesmo día, Macron será o primeiro presidente francés en conmemorar a liberación de Cherburgo, ocorrida o 26 de xuño de 1944, que permitiu a través do seu porto, entón coa maior rada do mundo, a chegada de enormes cantidades de subministracións, claves para a ofensiva.
Turistas e afeccionados á historia
Ademais do millón de turistas previstos, milleiros de afeccionados á historia comezan a chegar xa esta fin de semana á franxa costeira que vai de Cherburgo a Caen cos seus uniformes e vehículos de época.
Xa se volveu reconstituír o Campamento Geronimo en Saint Mère Eglise, onde centos de devotos plantan as súas tendas militares vintage á beira dos seus vehículos históricos: jeeps, camións e mesmo blindados estadounidenses, como o M8 ou o M10.
As praias de Normandía e os seus arredores, que acumulan 44 museos e 21 monumentos, pero tamén impresionantes cemiterios militares (28, con case 118.000 tumbas) volverán revivir un dos momentos máis celebrados da historia contemporánea.