O 12 % das persoas con covid activo en Galicia ten menos de 12 anos
O 12 % das persoas con covid activo en Galicia ten menos de 12 anos
A poboación menor de 12 anos é, nestes momentos, a máis vulnerable fronte á covid-19 xa que non recibiu ningunha dose da vacina.
Máis dun 12 % dos contaxios totais que hai en Galicia están nese grupo. Os casos activos foron aumentando nas últimas semanas e, segundo os últimos datos facilitados pola Xunta, son 86 os rexistrados nos centros educativos da nosa comunidade. Hai 14 aulas pechadas, o dobre ca a semana anterior.
Nos grupos de idade máis temperá, a incidencia é moito menor. Non hai ningún caso notificado nas escolas infantís, entre menores de tres anos.
Non hai un único parecer
Achegámonos á primeira quenda das xornadas de organización e xestión de centros docentes que se celebra en Santiago coa presenza de moitos directores, xefes de estudos e mestres cos que queremos falar da Covid-19.
En Galicia segue sendo obrigatorio o uso da máscara no patio e nas clases de ximnasia, aínda que hai comunidades autónomas en que xa prescinden dela. A nosa comunidade educativa leva tempo falando disto, aínda que non hai un único punto de vista ao respecto.
Os mestres cóntanos que confían en que a chegada das vacinas aos menores de 12 anos flexibilice as restricións neste curso 2021-2022. Atrás queda o mérito dunha comunidade educativa que pasou das aulas virtuais ás presencias, cheas de dúbidas e medo.