Publicador de contidos
Publicador de contidos

O acordo entre Xunta e sindicatos no ensino custará 13 millóns de euros

O acordo entre Xunta e sindicatos no ensino custará 13 millóns de euros

O conselleiro de Educación aponlle á CIG non só desmarcarse do acordo senón atacar "os seus propios compañeiros"

Román Rodríguez considera un "despropósito" a proposta da ABAU feita polo Ministerio para este curso

Pactaron reducir o horario lectivo e o número de estudantes por aula a partir do vindeiro curso

G24.gal 15/10/2023 10:35 Última actualización 15/10/2023 13:06

O acordo entre a Xunta e tres dos catro principais sindicatos do ensino público en Galicia suporá un custo orzamentario de 13 millóns de euros. O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, así o detallaba nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega.

Segundo indicou, este pacto que cualifica coma "histórico" comportará unha mellora cualitativa do sistema educativo galego.

Na súa opinión, este acordo subscrito entre a Consellería de Educación e os sindicatos UGT, Comisións Obreiras e ANPE -e do que se desmarcou a CIG (central maioritaria no ensino galego)- permitirá "garantir que exista unha estrutura do sistema educativo e da distribución do servizo que dea resposta á distribución demográfica do país".

Indicou que esta partida xa estará incluída nos Orzamentos da Xunta de 2024 para que as medidas entren en vigor en xaneiro do novo ano. 

"Estamos a falar dun orzamento inicial no próximo ano de arredor de 13 millóns de euros. É un orzamento lineal que se estende no resto dos anos". 

Respecto á postura da CIG, de desmarcarse do pacto e mesmo convocar unha xornada de folga, o conselleiro de Educación non só lle apón non ter subscrito o acordo, senón atacar "os seus propios compañeiros".

"Se hai tres sindicatos con sentido común, con altura de miras, con responsabilidade, cuxo obxectivo é mellorar o sistema educativo e un non, creo que realmente quizais haberá que preguntarlle a este sindicato por que se desmarca destes tres. Sobre todo desmarcase dun acordo que non xa é a súa reivindicación, xa non as interpreto coma un ataque político ou sindical á Xunta de Galicia, é un ataque aos seus propios compañeiros".

Proposta da ABAU

O conselleiro de Educación tamén avaliou o borrador do Ministerio da orde que regulará a ABAU -a antiga selectividade- deste curso en xuño e que se trasladou á comunidade educativa esta semana.

Mantén o mesmo formato de cursos anteriores, o alumnado terá o mesmo número de exames ca outros anos, pero terá que escoller entre facer a proba de Historia de España ou a de Historia da Filosofía. 

Román Rodríguez volveu amosar o seu desacordo coa actitude do Ministerio. Tras insistir en que o principal problema da ABAU é a falta de igualdade entre as comunidades autónomas, falou de "deixación de funcións" e "chapuza" e aponlle non traballar con "sentido de responsabilidade".

Esta crítica, segundo di, non ten que ver coa cor política senón que é opinión case unánime entre as comunidades autónomas e do colectivo afectado. Para o conselleiro, cada decisión que toman nesta materia é "peor que a anterior".

"Comunidades autónomas do Partido Socialista, téñeno dito as universidades, acábao de dicir a CIUG -formada pola tres universidades galegas-... é un despropósito, un descontrol, é un pasotismo. Creo que lle estamos faltando, sinceramente, ao futuro de centos de miles de alumnos de toda España". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade