O alivio das restricións podería chegar aos colexios nas vindeiras semanas
O alivio das restricións podería chegar aos colexios nas vindeiras semanas
Educación mantén a recomendación de usar as máscaras no recreo
O alumnado galego continuará coa máscara posta no recreo o vindeiro luns, se atende á recomendación que fai a Xunta. Para o conselleiro de Educación, a norma que elimina a obrigatoriedade de levar tapabocas no patio escolar non é abondo explícita.
Román Rodríguez agarda que as ministras de Sanidade e de Educación respondan as dúbidas que lle remitiu por carta esta semana.
"Non recibimos aínda resposta. Dende Galicia entendemos que nos patios, nas zonas de recreo é recomendable. A partir de aí son as familias e o propio neno, son responsabilidades individuais que non podemos delegar".
Con todo, o conselleiro contempla que o protocolo de xestión de casos nos centros educativos poida modificarse nas vindeiras semanas.
"Se continúa o descenso abrupto dos casos haberá que avaliar para relaxar algunhas medidas".
Algunhas comunidades como Cataluña prevén eliminar as corentenas por contacto estreito de covid no alumnado sen síntomas xa a finais deste mes.