O Arenteiro gaña en Santiago e queda ás portas do ascenso á 1RFEF
Un milleiro de afeccionados achegáronse desde O Carballiño para festexar a vitoria por 1-3
O gol de Escobar no 89 (1-2) entra na historia do club ourensán
O Arenteiro deu un paso que vai ser definitivo para o ascenso á Primeira Federación. E con moita marxe acadará o obxectivo, que podería ser matemático a vindeira fin de semana no caso de gañar o seu partido e que dous dos seus perseguidores non acaden o triunfo (e quedarán quince puntos por diante).
Todo se torcía para o Arenteiro no minuto 4 cando Allyson adiantaba o Compostela. Pero os de Javi Rey nunca lle perden a faciana ao partido e conseguiron o empate mediado primeiro tempo nunha xogada de Jordan culminada por Escobar.
No segundo tempo houbo moi poucas ocasións ata que nos últimos dez minutos o partido se volveu tolo. Moito tivo que ver a expulsión do local Roque. En inferioridade o Compostela arriscou e saiulle mal. No 89 e logo dunha fermosa xogada de ataque Escobar marcaba o segundo, un gol que pode pasar á historia. Aínda habería tempo para un terceiro co gol de Germán Novoa despois dunha contra levada por Joseca.
Tras o partido, Javi Rey falaba do momento histórico que vive o seu equipo: "O que vivimos hoxe vai quedar para sempre. Que houbese aquí mil persoas dunha vila de 14.000 habitantes fala moi ben da vila".
Pola súa banda, Cardeñosa non teme que o seu equipo quede sen folgos no treito final da temporada: "Sigo pensando que imos entrar no play off, e que imos chegar con boas sensacións".