Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Arenteiro acada un empate que sabe a pouco (2-2)

O Arenteiro acada un empate que sabe a pouco (2-2)

Diego Aznar e Pascu marcaron por partida dobre para os seus equipos

O equipo ourensán igualou o encontro no tempo engadido e Marcos Baselga tivo a última ocasión para levar os tres puntos

G24.gal 01/03/2025 17:03 Última actualización 01/03/2025 20:14

O Arenteiro medíase esta tarde ao Sestao River coa posibilidade de escalar ao terceiro posto da clasificación.

Ao pouco de comezar, no minuto 7, Asier Córdoba faría unha boa xogada individual que culminaría cun centro raso e cun Diego Aznar, que xa lles marcara aos ourensáns na primeira volta, colocando a punteira do pé para abrir o marcador e facer o primeiro dos visitantes.

O equipo vasco seguiría dominando e esta vez sería Sergi García no minuto 31 quen lle faría un agasallo en forma de man a man a Aznar para facer o segundo gol na súa conta particular. Primeira metade de doce para o dianteiro, que levaba dous goles na tempada ata este partido, e que superaba de novo por baixo a Diego García.

Co cero a dous e a piques de chegar ao tempo de lecer, Jordan fregaría a lámpada e inventaría un pase maxestoso para que Pascu rematara de volea e acurtara diferenzas. Este gol dáballe aire ao Arenteiro. A asistencia de Jordan sorprende a toda a defensa e o remate de Pascu é inapelable para Herrerín. Deste xeito, o mediocentro faría que o Arenteiro marchara á segunda metade perdendo só por un gol de diferenza.

Nunha segunda metade con poucas ocasións volvería aparecer Pascu para empatar o partido no minuto 92. O mediocentro rescataría un punto para os ourensáns e igual que fixera Aznar no primeiro tempo, marcaría por partido dobre. O centro perfecto de Sergi Esteban permitía que o mediocentro só tivera que empurrala para igualar o encontro. Cando semellaba que non quedaba tempo para máis, Marcos Baselga tería a última oportunidade para levar o partido, pero marraríaa. Finalmente, o encontro remataría cun empate a dous que deixa coa mel nos beizos os do Carballiño.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade