Obrador: "Encantaríame vivir na Coruña máis tempo"
Afirmou que de momento o Real Madrid non lle comunicou nada sobre o seu futuro
O lateral esquerdo Rafa Obrador, que xoga no Deportivo cedido polo Real Madrid, mostrou este mércores o seu desexo de alongar a súa estadía no conxunto galego, ao que chegou o pasado verán tras a lesión de Sergio Escudero.
“Agora mesmo só quero pensar na liga, no Deportivo, porque outras cousas non me achegan nada na semana dos partidos. Quero estar concentrado ao cen por cento”, manifestou o xogador.
Afirmou que de momento o Real Madrid non lle comunicou nada sobre o seu futuro.
“Estou moi contento na Coruña, gústame moito a cidade, a xente, o ambiente dos partidos, a afección. Encantaríame vivir aquí máis tempo, a verdade”, indicou durante a súa comparecencia ante os xornalistas.
O lateral balear, que o pasado mes de febreiro cumpriu 21 anos, non escondeu o salto que hai de Primeira Federación, onde xogou co Real Madrid Castela, ao fútbol profesional, porque LaLiga Hypermotion é moito máis esixente.
“Tiven un proceso de adaptación, tanto ao club como á categoría, porque para min é o meu primeiro ano no fútbol profesional. Fisicamente ao principio custoume arrincar, logo fun atopándome mellor. Tacticamente, tanto Imanol como o míster fóronme axudando. Agora mesmo síntome nun bo momento, contento de poder axudar ao equipo cos meus minutos”, afirmou.
O futbolista, unha das pezas clave no once branquiazul, asegurou que no vestiario non marcaron un obxectivo fixo porque a idea é ir partido a partido, xa que os equipos da zona baixa están a apertar e ata o final non se vai decidir nada.