O Arenteiro suma un traballado empate en Santander (2-2)
O líder soubo reaccionar logo de que o Raio Cantabria se adiantase por dúas veces
Primeiro igualou Álex Fernández de penalti e, despois, Escobar no tempo engadido
O Arenteiro segue sumando, e camiñando con paso firme cara ao ascenso directo. Os ourensáns sacaron un empate do Gutiérrez Calle, campo do Raio Cantabria, nun partido en que foron quen de sobrepoñerse ás dúas veces que o equipo local se adiantou no marcador.
Houbo que agardar máis dunha hora de partido para ver o primeiro tanto, e este chegou logo dunha sucesión de boas ocasións e disparos do Arenteiro que parou o porteiro Pablo Díez. Nunha acción ofensiva local, acabou empuxando o balón sobre a liña de gol Ayoub, acadando o 1-0.
Axiña reaccionou o líder e, nun derrubamento sobre Escobar dentro da área, igualaba Álex Fernández de penalti.
Pero o Raio Cantabria aínda non dixera a última palabra. Dani González remataba so no segundo pau un servizo desde a esquerda para establecer o 2-1 que volvía deixar contra as cordas ao Arenteiro. Pero os de Javi Rey evitaban a segunda derrota de toda a temporada no tempo engadido. Escobar acudiu á súa cita co gol no único erro do porteiro local, e logo dunha acción que saíu dos pés de Diego García.
Javi Rey amosábase contento polo punto acadado no tempo engadido pero, ao mesmo tempo, laiábase de que o seu equipo mereceu a vitoria, e tivo moitas ocasións que desbaratou o porteiro local.