O balón parado penaliza o Deportivo Abanca (2-1)
O balón parado penaliza o Deportivo Abanca (2-1)
Dous goles da central Lauren Leal no primeiro tempo marcaron a derrota diante do Atlético
Raquel García recortou diferenzas quince minutos antes do final
O Deportivo Abanca caeu no campo do Atlético de Madrid (2-1) nun partido marcado polas facilidades que deron no balón parado. Dúas xogadas con centros laterais aproveitounas a central Lauren Leal nos minutos 23 e 37 para poñer unha distancia que sería definitiva.
No comezo e ata o gol viuse o mellor Deportivo do partido. O tanto inicial fixo que o Atlético acougase e pasase a controlar dun xeito total. No tempo de lecer o resultado era de 2-0, marcador que se mantivo no segundo tempo malia que as locais gozaron de moitas oportunidades, sobre todo nas botas da dianteira Gio.
A quince minutos para o final Raquel García atinou noutra acción de córner e permitiulle ao Deportivo ter opcións no treito final do partido. Houbo unha xogada polémica por unhas mans na área do Atlético pero a colexiada non asubiou ningunha infracción.