O balonmán galego, á conquista de París
O balonmán galego, á conquista de París
Galicia conta con tres representantes no balonmán, dous homes e unha muller
Mentres Rodrigo Corrales e Alicia Fernández van con España, Pedro Rodríguez faino con Hungría
O balonmán galego estará moi presente en París. Serán tres os representantes que poñan á comunidade no máis alto e loiten por colgarse unha medalla ao pescozo. Deste trío de ases, só dous deles están nas filas da selección española. Si, o terceiro faino con outra selección, a húngara.
Alicia Fernández:
A valdoviñesa é a única muller que representa a Galicia no balonmán. A xogadora tivo que ver dende o banco de suplentes o debut das súas compañeiras por mor dunhas molestias, que a teñen afastada momentaneamente da convocatoria. A dura derrota (29-18 contra o Brasil) non fai que perda a ilusión por poder xogar e axudar ao equipo. A do Rapid București está cada día mellor e confía en chegar aos vindeiros encontros.
Rodrigo Corrales:
O porteiro sabe o que é gañar unha medalla olímpica. Nos seus primeiros xogos, acadou o bronce, e este ano quere o ouro. O cangués ten a ilusión intacta e confía en facer un bo papel nas olimpíadas, nas que a selección ten confianza e vai loitar por todo. Corrales terá a sempre complicada tarefa de defender a portaría hispana, e encaixar o menor número de goles posibles para facilitar as cousas na outra área.
Pedro Rodríguez:
O terceiro representante galego non viste a camisola da selección española. O vigués xoga coa selección húngara, país do equipo ao que pertence. Chegou a xogar cos hispanos, pero despois de non ser considerado por varios anos, aceptou unha oferta para ir con Hungría. Nestes xogos, loitará por darlle unha medalla ao seu país adoptivo no seu debut nuns Xogos Olímpicos.