O Banco Central Europeo baixa tipos pero moi timidamente, por María Loureiro
OPINIÓN
O Banco Central Europeo baixa tipos pero moi timidamente, por María Loureiro
O Banco Central Europeo tomou medidas onte, 6 de xuño, coa primeira rebaixa dos tipos de xuro na zona euro desde marzo de 2016. A taxa oficial das operacións principais de financiamento diminuíu en 25 puntos básicos e sitúase en 4,25 %. Esta decisión prodúcese despois de case dous anos de endurecemento debido á escalada da inflación. O BCE parece estar a liderar a redución de taxas antes ca outros bancos centrais importantes, como a Reserva Federal estadounidense ou o Banco de Inglaterra. Ademais, o BCE elevou a previsión de crecemento en tres décimas, ata o 0,9 % para 2024, e a inflación en dúas décimas, ata o 2,5 % para este ano, e atrasa o IPC obxectivo do 2 % ata o 2026. A eurozona obtivo en maio un 2,6 % de taxa de inflación interanual, polo que se está achegando ao 2 % obxectivo.
A decisión de onte non facía máis que corroborar o que o vicepresidente Luis de Guindos dixera unhas semanas antes. Con todo, a redución de tipos anunciada non estaba acompañada por un comentario tan positivo como para xustificalo. Na súa intervención, a Presidenta do BCE indicaba: “Aínda que este comunicado admite que a inflación subxacente diminuíu, as presións dos prezos domésticos segue sendo forte, xa que o crecemento salarial é elevado". Así mesmo, se hai dous meses se dicía que sería conveniente reducir o nivel actual de restrición da política monetaria, agora avógase por continuar aplicando un enfoque dependente dos datos e reunión por reunión para determinar o nivel e a duración adecuados da restrición. A maiores, tamén se filtraba información sobre o voto negativo emitido polo gobernador do banco de Austria e tamén as apreciacións negativas do Bundesbank, que non consideran adecuado o momento de baixada de tipos e considerarían conveniente seguir cunha política monetaria máis ríxida e anti-inflacionista. En resumo, todos coinciden en que as decisións do BCE dependerán da evolución dos datos económicos, principalmente a inflación e a evolución dos salarios.
A nivel macro, a consecuencia que se espera é a capacidade de obter financiamento máis barato, o cal pode contribuír a aumentar investimentos ou simplemente o consumo doméstico. Este novo clima de prezos de diñeiro máis baixo facilitará o acceso a bens durables, como o mercado inmobiliario ou automobilístico ás familias. E relaxará de forma suave a presión nas familias con hipoteca ou endebedadas por outros préstamos. Con todo, os primeiros efectos adoitan ser de carácter especulativo e de movementos de capitais. Ante unha baixada de tipos oficiais, que implica un descenso nos tipos de xuro, adoita ir un movemento alcista en Bolsa, a renda fixa perde interese e o investidor asume o risco da renda variable. Así, o Ibex 35 respondeu revalidando os seus máximos do ano, alcanzando os 11.444 puntos, que son os topes de 2015. En calquera caso, o máis interesante, en termos de posibles reducións de tipos de interese, está por vir… como sempre.