Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Banco Central Europeo prepárase para baixar os tipos de xuro, por María Cadaval

OPINIÓN

O Banco Central Europeo prepárase para baixar os tipos de xuro, por María Cadaval

G24.gal 28/05/2024 08:05

O gobernador do Banco de España Pablo Hernández de Cos despediuse do seu cargo sinalando que espera unha baixada de tipos de xuro por parte do Banco Central Europeo na vindeira reunión do 6 de xuño. Durante a súa intervención, o gobernador indicou que a caída da inflación, incluída a subxacente, é chave para reconducir a política monetaria cara a un horizonte menos restritivo.

Na mesma liña apuntou onte Philip Lane, economista xefe do Banco Central Europeo, quen confirmou que, salvo sorpresas, a institución estará en condición de rebaixar os tipos de xuro a vindeira semana. Nunha entrevista co Financial Times, Lane destacou que a política monetaria deberá permanecer nun terreo restritivo todo o que queda de ano, cunha normalización potencial non prevista ata o 2025.

O proceso será “puntual e gradual” aínda que se poidan realizar axustes menores dentro do marco restritivo, non se prevé unha serie continuada de recortes, do mesmo xeito que hai dous anos se fixera coas subas: “A menos que chegue a sorpresa, o debate consistirá en canto de restritivas seguirán sendo as medidas, se ben o nivel de restrición dependerá da evolución dos datos.

Neste mesmo sentido, Christine Lagarde, presidenta do Banco Central Europeo, afirmou en Frankfurt que agardarán os datos de maio para saber se o obxectivo da inflación se sitúa arredor do 2 %. Nese caso, afirmaba: “Poderemos pasar á fase de revisión do noso ciclo de política monetaria e suavizar a orientación restritiva”. Se ben, incide na mesma liña de Lane: “Que se faga a primeira baixada de tipos (en dous anos) non significa que nos esteamos comprometendo a facelo nunha senda concreta”.

Haberá que agardar os datos de crecemento e inflación dos vindeiros meses, así como tamén a marxe de beneficios das empresas e a produtividade. Con todo, semella que se pasará dun tipo de xuro oficial do 4,5 %, o máis elevado desde 2001, a, polo menos, un 4,25 %.

Que cabe agardar no mercado hipotecario?

O mes de maio deixa boas e malas novas no Euribor, pois produciuse unha baixada en termos semestrais e anuais, o que é unha boa nova para aquelas persoas ás que lles toque revisar a hipoteca neste mes, mais non se agarda que siga baixando de xeito acusado.

A baixada nos tipos de xuro prevista para o vindeiro 6 de xuño está xa descontada e deben producirse novas e máis acusadas caídas nos xuros oficiais para que o Euribor baixe do 3,6 % en que está instalado. Isto explica, en parte, que a firma de hipotecas volvese a taxas negativas, ao igual que a compravenda, que non aguantaron o pulso e se esbarroaron un 18 % no mes de marzo.

Todo apunta a que, se melloran as condicións hipotecarias, estas recuperaranse de aquí a final de ano, malia que de xaneiro a marzo o número de hipotecas caeu un 8,3 %, un balance trimestral negativo. Veremos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar