O prezo do alugueiro experimenta unha suba interanual de case o 11 %
O prezo do alugueiro experimenta unha suba interanual de case o 11 %
A Coruña e Vigo son as cidades máis caras, co metro cadrado a dez euros
O desequilibrio entre oferta e demanda é enorme. Por iso os datos non sorprenden aos axentes inmobiliarios. Galicia é unha das sete comunidades nas que o incremento interanual do prezo da vivenda en alugueiro superou o 10 %.
As causas da escaseza de pisos para arrendar son diversas. Moitos propietarios optaron por saír do mercado coa nova lexislación.
"Todas as axencias galegas tivemos moitas compravendas de propietarios que poñen o piso en venda cando remata o contrato de alugueiro porque teñen medo a que haxa máis regulación, máis control de prezos ou a que os inquilinos non lle paguen e deciden marchar do mercado do arrendamento", explica Emma Martínez, presidenta de Agalin.
Desde a Asociación Galega de Inmobiliarias consideran que parte da solución pasaría por construír máis vivenda destinada especificamente ao arrendamento e por mobilizar os pisos baleiros, algo máis de medio millón en toda Galicia segundo o INE. Consideran imprescindible tamén a regulación dos pisos turísticos.
"En Santiago, que xa se regularon, notouse un aumento do 10 % das vivendas de alugueiro para todo o ano que veñen da vivenda vacacional. Quizais o prezo é un pouco alto pero é unha das solucións", comenta.
A Coruña e Vigo son as dúas cidades galegas cos alugueiros máis caros. O prezo do metro cadrado alcanzou en agosto os dez euros.