A nova ponte ferroviaria sobre o Miño estará na axenda do Cumio Ibérico 2024
A nova ponte ferroviaria sobre o Miño estará na axenda do Cumio Ibérico 2024
Os ministros de exteriores de España e Portugal comprometéronse a tratar a súa localización no encontro de outubro
O organismo Eixo Atlántico confía en que a construción da nova ponte internacional ferroviaria sobre o Miño, sen localización definida aínda, estea incluída na axenda do vindeiro Cumio Ibérico, en outubro.
O presidente da entidade, que tamén é o alcalde de Viana de Castelo, Luís Nobre, está seguro de que no Cumio Ibérico do 23 de outubro se vai tratar este asunto porque o solicitou por carta hai meses, aos ministros de exteriores de España e Portugal, e ambos os dous contestaron que si.
Para que a liña de alta velocidade entre Ferrol e Lisboa sexa unha realidade no ano 2030, o prazo establecido desde 2016, é necesario que se decida e aprobe xa onde situar esta nova ponte entre Tui e Valença.
Desde 2016 o Eixo Atlántico ten claro que a única alternativa ás retencións nas estradas entre Valença-Lisboa chámase alta velocidade ferroviaria.
Aínda que o proceso da construción da liña entre Ferrol e Lisboa está desbloqueado e avanza segundo o previsto na parte portuguesa e na española, segue habendo unha pedra no camiño: o lugar exacto da ponte que unirá as vías lusas e españolas sobre o río Miño.
"Hai un tramo desta ligazón que é absolutamente determinante para o éxito, a operatividade e o funcionamento desta nova liña ferroviaria de alta velocidade, que é o punto de unión, a ponte entre as dúas fronteiras. É un tramo curto pero é fundamental atopar a súa localización e iso aínda non sucedeu", conta a Televisión de Galicia Luís Nobre, o presidente do Eixo Atlántico.
Non aconteceu pero con toda seguridade acontecerá en breve logo de que os ministros de exteriores de España e Portugal se comprometeran por carta co propio Eixo Atlántico a buscar unha solución no vindeiro Cumio Ibérico.
"Eu diría que é inevitable. Porque se non non estamos cumprindo co que foi o compromiso público dos dous gobernos, dos dous países. É básica esta decisión porque dela depende todo o resto da obra, do proxecto. O resto dos tempos, dos prazos acordados, se non fora decidido de inmediato esta localización, o lugar da ponte, efectivamente non serán cumpridos", aclara Luís Nobre, o presidente do Eixo Atlántico, que é tamén o alcalde de Viana do Castelo.
Esta Eurorrexión é a terceira con máis dinamismo económico, xa que nesta fronteira o transvasamento de traballadores de norte a sur e de sur a norte é diario e abundante. A esta mobilidade económica hai que engadir outra razón, a sostibilidade.