O banco First Citizens comprará todos os depósitos e préstamos do Silicon Valley Bank
O banco First Citizens comprará todos os depósitos e préstamos do Silicon Valley Bank
Unha operación de 72.000 millóns de dólares en activos e 17 sucursais de SVB abrirán como First Citizens
First Citizens, entidade con sede en Raleigh, Carolina do Norte, farase cos activos, depósitos e préstamos do Silicon Valley Bridge Bank, SVB, segundo un comunicado da Corporación Federal de Seguros de Depósitos, FDIC, dos EUA.
A operación inclúe a compra de 72.000 millóns de dólares de activos cun desconto de 16.500.
Na súa nota, a FDIC explica que as 17 sucursais de SVB abrirán como First–Citizens Bank & Trust Company este luns, e aclara que os clientes deben continuar usando a súa sucursal actual ata recibir un aviso de que se completaron as conversións de sistemas.
Os depositantes de SVB converteranse automaticamente en depositantes de First–Citizens Bank & Trust Company, e todos os depósitos asumidos seguirán estando asegurados pola FDIC ata o límite do seguro.
Con data de 10 de marzo, SVB contaba cuns 167.000 millóns de dólares en activos e 119.000 millóns en depósitos; uns 90.000 millóns permanecerán baixo administración xudicial para a súa disposición por parte da FDIC.
Adicionalmente, a FDIC recibiu dereitos de apreciación de capital en accións ordinarias de First Citizens por un valor aproximado de 500 millóns de dólares.
A FDIC estadounidense estima que o custo da quebra de Silicon Valley Bank para o seu Fondo de Seguro de Depósitos (DIF) é de aproximadamente 20.000 millóns de dólares, aínda que o total exacto coñecerase cando conclúa a administración xudicial.
A creación de Silicon Valley Bridge Bank tivo por obxecto dar tempo á FDIC para "para estabilizar a institución e comercializar a franquía".
A quebra de SVB desatou o pánico no sector bancario estadounidense, con repercusións nos mercados europeos. SVB, próximo á industria tecnolóxica, viuse de súpeto en apuros despois de anunciar a venda de 21.000 millóns de dólares en títulos financeiros, cunhas perdas de 1.800 millóns, e a súa intención de ampliar capital.