O Barcelona gaña o derbi de Cornellá e proclámase campión de Liga
O Barcelona gaña o derbi de Cornellá e proclámase campión de Liga
O cadro de Xavi Hernández non fallou e cun triunfo por 2 a 4 alzouse co título á falta de catro xornadas
O Barcelona xa é campión de Liga. Conseguiu o seu vixésimo sétimo título cunha cómoda vitoria no derbi de Cornellá, que, ademais, afunde un pouco máis o seu rival nos postos de descenso.
O equipo culé chegaba ao partido “obrigado” a gañar tras a vitoria do Real Madrid sobre o Xetafe, aínda que o outro resultado, a derrota do Atlético de Madrid, si que lle despexaba o camiño. En calquera caso, aos blaugrana abondoulles a metade da primeira parte para deixar guiado o triunfo. O marcador abriuno Lewandowski, que segue na pelexa por facerse co Pichichi. O segundo foi obra de Balde. E antes do descanso, Lewandowski facía o seu segundo da noite.
Á volta da pausa, a decoración non mudou en exceso. Kounde anotou o 0-4 antes do minuto dez. Foi entón cando o Español, ferido no seu orgullo, comezou a crear algunhas ocasións claras. Tivo tres case consecutivas, e Puado anotou na última delas un gol que inicialmente anulou o árbitro pero que acabou subindo ao marcador. E, no tempo engadido, Joselu maquillaba algo máis o resultado co 2-4. Unha escasa bagaxe para un equipo que precisa puntos para fuxir do descenso.
Coa Liga, a número 27 da historia do club, o Barcelona reencóntrase cun trofeo que levaba catro anos sen gañar. E, nada máis facerse oficial a consecución dun campionato que xa levaba moitas semanas dándose por feito, pero que aínda non se podía festexar, a afección do Barcelona acudiu ao seu lugar predilecto, a fonte de Canaletas, para celebralo como corresponde.