O BCE traslada unha mensaxe de tranquilidade, por María Cadaval
O BCE traslada unha mensaxe de tranquilidade, por María Cadaval
Un triplo obxectivo: conter a inflación, evitar unha recesión e dotar de estabilidade o sistema financeiro
O Banco Central Europeo enfrontouse a unha das decisión mais delicadas nos últimos tempos, o seu Consello de Goberno aprobou unha alza dos tipos de xuro para a zona Euro de 0,5 puntos, o que estaba anunciado dende hai un mes, coma se nada estivese pasando no sistema financeiro.
Nestes momentos, os Bancos Centrais en xeral e o BCE en particular teñen ante si a disxuntiva de priorizar o urxente ou dar paso ao importante, tratando de conciliar o triplo obxectivo de conter a inflación, evitar unha recesión e dotar de estabilidade o sistema financeiro.
Así que, no día en que o BCE tiña no cuarto dous elefantes, a quebra do Silicon Valley Bank e o derrubamento na bolsa do Credit Suisse, determinou que o importante era seguir a folla de ruta trazada para conter a inflación. Christine Lagarde tratou de trasladar unha mensaxe de tranquilidade ao tempo que recoñeceu que as tensións no mercado financeiro non son algo novo, véñense producindo nos últimos meses e non son a prioridade senón que esta está agora na loita contra a inflación.
É a mesma situación a do Silicon Valley Bank e a do Credit Suisse?
A resposta é que non. No caso do Silicon Valley Bank (SVB) o que se produciu foi unha situación de mismatch ou desaxuste entre o investimento en activos de renda fixa a longo prazo e o endebedamento a curto, o que o fixo moi vulnerable ante a suba abrupta dos tipos de xuro.
O SVB non era un banco ordinario, o seu método era complexo e estaba especializado en investimento de capital risco, é dicir, de apoio ás startups, aínda que agora sábese que unha boa parte do que se agochaba tras ese nome eran tamén investimentos en criptoactivos.
O seu balance multiplicouse por tres nos últimos vinte anos e, a pesar de que no 2022 pechou con beneficios milmillonarios, o aumento dos xuros desviou financiamento e depósitos cara a outras alternativas, o que imposibilitou a súa supervivencia e levou por diante o banco número 19 dos Estados Unidos. Unha entidade non demasiado grande, mais considerada por Forbes como a 20 mellor entre o total de 4.213 entidades norteamericanas. É unha das maiores quebras nos últimos anos, pero non a única, pois na última década desapareceron nos Estados Unidos preto de catrocentos bancos.
Con respecto ao Credit Suisse o contexto é diferente. O segundo banco mais importante de Suíza leva dous anos con problemas de liquidez, aos que se lle engade unha mala xestión e a retirada da confianza por parte do seu principal accionista, que levou o Banco Nacional de Suíza a saír no seu auxilio cunha liña especial de ata 50.000 millóns de euros. O torniquete evitou que a entidade se desangrase na Bolsa e recuperase parte da posición perdida días atrás, igual que sucedeu co resto das entidades financeiras europeas. Unha mensaxe de tranquilidade entre a tensión contida dos últimos días.
Malia todo, o nerviosismo está latente, pois estes acontecementos traen á memoria episodios recentes de quebras bancarias ás que precederon anuncios de tranquilidade por parte das autoridades dicindo que “farían todo o que tiñan que facer” para que nada malo pasase. E... pasou o que pasou.
Presente a pantasma da crise do 2008
A priori, o contexto é moi diferente do da crise do 2008. Daquela loitábase contra o colapso do sistema financeiro por mor dunha caída no valor dos activos inflados pola burbulla inmobiliaria e unha crise de demanda. Agora a crise é de oferta e a batalla líbrase contra a inflación.
Descoñécese, polo momento, o efecto real que poidan ter estes dous episodios, mais os ecos dos despropósitos pasados volven sempre ao presente e é probable que aínda quede algunha que outra sorpresa por se producir.
De momento, Lagarde non deu avanzado os movementos futuros do BCE, unha decisión que responde á cautela que impón a realidade da situación financeira que estoupou estes días. Semella que as previsións que tiña o Banco Central Europeo a principios de mes foron superadas polos acontecementos. Iremos vendo como transcorre isto.