O Bergantiños é quen de frear a un Numancia intratable (1-1)
O Bergantiños é quen de frear a un Numancia intratable (1-1)
Os das Eiroas estiveron a piques de derrotar a un rival que contaba os partidos por vitorias
Jony neutralizou na segunda metade a vantaxe de Cristian Moreno
O Bergantiños segue a deixar moi boas sensacións na súa volta á 2ª Federación. Os de Jorge Cuesta están a ter un inicio moi esixente contra os equipos teoricamente máis poderosos, pero están a cumprir con nota. Nesta cuarta xornada visitaba As Eiroas un Numancia que contaba os seus tres partidos por vitorias. E que comezou dominando nos primeiros minutos, cun par de achegamentos perigosos para a meta de Santi Canedo.
Pero os de Carballo sacudiron o dominio e comezaron a achegarse con perigo. Tivo unha xogada persoal Pachón que culminou cun lanzamento centrado. E, despois, chegaba o 1-0, cunha cabezada de Cristian Moreno a centro de Manu logo dunha falta.
Na segunda metade, o Numancia buscou a igualada, pero o Bergantiños mantivo a conta a 0 durante moitos minutos, e mesmo gozou dalgunha ocasión. Finalmente, Jony ía rematar un centro de Bonilla no 72 para establecer o empate a uns. Nos últimos minutos houbo algunha ocasión máis para ámbolos dous equipos, pero o empate a uns deixa aos sorianos no liderado, e ao Bergantiños na parte alta da táboa con 5 puntos.