Frederiksen dimite como primeira ministra danesa malia vencer nas eleccións
Frederiksen dimite como primeira ministra danesa malia vencer nas eleccións
A líder socialdemócrata quere formar un novo goberno de centro
A primeira ministra danesa, Mette Frederiksen, presentou este mércores a dimisión do seu Goberno socialdemócrata en minoría a pesar do triunfo nas eleccións lexislativas de onte do bloque de centroesquerda, que obtivo unha maioría absoluta axustada.
Frederiksen e os seus aliados alcanzaron os 90 escanos que marcan a maioría nun final de reconto que se prolongou ata a madrugada e no que foron decisivos tres dos catro mandatos dos territorios autónomos das Illas Feroe e Groenlandia.
"Presentei a dimisión do meu goberno ante a raíña Margarita. Con este resultado non hai unha maioría parlamentaria que sustente este executivo", afirmou Frederiksen.
Frederiksen xa anunciara onte á noite que dimitiría e que buscaría formar un goberno de centro que inclúa tamén a partidos do outro bloque, como defendera en campaña.
Esa foi tamén a aposta desde o principio dos Moderados do ex primeiro ministro liberal Lars Løkke Rasmussen, terceira forza con 16 escanos e creada hai un ano, pero tanto liberais como conservadores mostráronse escépticos.
Os líderes dos doce partidos políticos que obtiveron representación parlamentaria pasarán ao longo do día polo Palacio Real para reunirse coa monarca, que elixirá logo a un para dirixir as negociacións para formar goberno, previsiblemente Frederiksen. Tanto as forzas do bloque de centroesquerda como Os Moderados mostraron a súa intención de que sexa a xa primeira ministra en funcións a encargada de liderar os contactos.
O Partido Socialdemócrata foi a forza máis votada e obtivo o 27,5 %, dous puntos máis que nos anteriores comicios de 2019 e os seus mellores números en dúas décadas. Perderon terreo en cambio varios dos seus aliados, en especial o Partido Social Liberal, que baixou cinco puntos ata o 3,7 %.