Publicador de contidos
Publicador de contidos

O BNG volverá concorrer ás europeas en coalición con Bildu, ERC e Ara Més

O BNG volverá concorrer ás europeas en coalición con Bildu, ERC e Ara Més

A formación nacionalista ocupará o terceiro posto nas listas da coalición Agora Repúblicas

As asembleas comarcais referendarán a candidatura en abril, para a cal Ana Miranda segue concitando consensos para manterse á fronte

O PPdeG ve a BNG "máis preto do terrorismo e independentimo" por este acordo

EP 27/03/2024 11:23 Última actualización 27/03/2024 16:21

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) volverá concorrer ás eleccións europeas con EH Bildu (Euskadi), ERC (Cataluña) e Ara Més (Baleares) baixo o paraugas da coalición instrumental Agora Repúblicas.

Os nacionalistas galegos explican que volven optar por esta fórmula como fai cinco anos, nuns comicios que son de circunscrición única para todo o Estado.

A firma do acordo farase este xoves en Barcelona, no que o BNG estará representado por Rubén Cela, membro da Executiva nacional e responsable de relacións internacionais.

Nesta ocasión, o BNG ocupará o terceiro posto dentro da coalición, fronte ao quinto que lle correspondeu nas pasadas eleccións ao Parlamento Europeo, un cambio "significativo", valoran os nacionalistas galegos, que se produce despois do "histórico resultado" conseguido o 18 de febreiro, en que o BNG obtivo 500.000 votos.

Á marxe da coalición técnica instrumental, o electorado galego votará coa papeleta do BNG e a candidatura propia, co obxectivo de que Galicia "conte con voz propia en Bruxelas para defender os seus intereses".

A candidatura será elixida pola militancia nacionalista en asembleas comarcais durante o mes de abril e o proceso rematará coa súa aprobación definitiva por parte do Consello Nacional, unha lista para a que hai poucas dúbidas internas de que Ana Miranda volverá contar co apoio da militancia.

O BNG asegura que desenvolverá unha campaña "netamente galega" ao longo e ancho do país para trasladar tanto o traballo feito na Eurocámara en defensa de Galicia ao longo da lexislatura, como as principais liñas de traballo e propostas de futuro en defensa dos intereses dos galegos, en particular, en sectores como pesca e agricultura, en que as decisións que se adoptan en Bruxelas teñen un grande impacto.

Segundo explica o BNG, ademais das forzas xa mencionadas, a coalición Agora Repúblicas tamén conta co apoio de formacións políticas doutros territorios como Canarias e Asturias, que pedirán o voto para a coalición aínda que non estarán integradas formalmente nela.

Rueda censura que o BNG sexa "aliado directo" de Bildu e ERC nas europeas

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acusou este mércores ao BNG de ser "aliados e colaboradores directos" de Bildu e ERC, unha alianza que se renova para as eleccións europeas e que "querían ocultar en campaña".

A preguntas dos xornalistas en Vilanova de Arousa, Rueda sinalou que ao BNG "non lles interesaba falar deste tema en campaña", xa que "cada vez que o lembrabamos cambiaban de tema", engadiu.

Esa alianza cos nacionalistas vascos e cataláns, a xuízo do presidente galego, "ten un rexeitamento moi grande en Galicia" e, a pesar diso, "ao final vano a facer". "É o BNG de sempre e cos aliados de sempre, a pesar de que o querían disimular", asegurou Alfonso Rueda.

O PPdeG ve a BNG "máis preto do terrorismo e independentimo"

 A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, considerou que o BNG está "máis preto do terrorismo e do independentismo" que dos intereses dos galegos, dado que volverá concorrer ás eleccións europeas con EH Bildu e ERC na mesma papeleta.

A número dous do PPdeG reprochoulles que empecen a lexislatura mostrando de novo "a cara de radicalismo que sempre tiveron" e que "non lles chegaba con ir a manifestacións nas que se pedía a liberación dos presos de ETA" ou con "ter a soldo a un asesor condenado por terrorismo como Pernando Barrena", senón que amplían o seu radicalismo repetindo coalición.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade