Rubén Cela deixa a dirección do BNG despois de 24 anos
Rubén Cela deixa a dirección do BNG despois de 24 anos
O que foi director de campaña do Bloque nas últimas eleccións autonómicas despídese dos seus compañeiros desexando "moitísima sorte e acerto á nova dirección"
Cela asegura que seguirá na formación frontista "como militante de base"
Rubén Cela sae da dirección do BNG. O que fora responsable da Área de Comunicación do Bloque abandona a Executiva Nacional tras a última Asemblea Nacional, en que Ana Pontón revalidou o seu liderado.
Este domingo, na súa conta de X, Cela despedíase desexando "moitísima sorte e acerto á nova dirección" e avanzaba que seguirá "como militante de base".
Hoxe pecho unha etapa. Foi unha honra e, para min unha gran responsabilidade, formar parte da dirección do BNG durante todos estes anos. Seguirei, como militante de base, contribuíndo no q poida a este gran proxecto colectivo q é o BNG. Moitísima sorte e acerto á nova dirección! pic.twitter.com/KAxDKKKKjr
— rubencela2 (@rubencela2) December 1, 2024
Cela entrou na Executiva Nacional do BNG no ano 2000, cando era secretario xeral de Galiza Nova. Foi director de campaña do Bloque nas últimas eleccións autonómicas nas que a formación frontista acadou 25 escanos, o mellor resultado da súa historia. Durante o período 2005-2009 foi director xeral de Xuventude da Xunta e concelleiro en Santiago entre 2011-2019.