Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os bombardeos israelís contra dúas escolas en Gaza deixan 30 vítimas mortais

Os bombardeos israelís contra dúas escolas en Gaza deixan 30 vítimas mortais

A Defensa Civil palestina asegura que nos centros había persoas refuxiadas

O Exército hebreo acusa a Hamas de usar as instalacións como agocho de terroristas

Un home leva en brazos unha nena ensanguentada. REUTERS TV Un home leva en brazos unha nena ensanguentada. REUTERS TV
G24.gal 04/08/2024 22:35 Última actualización 04/08/2024 23:00

Polo menos 30 persoas morreron e decenas quedaron feridas en senllos ataques israelís contra dúas escolas na cidade de Gaza, no norte da Franxa. Segundo a Defensa Civil do enclave palestino, en ambos dous centros refuxiábase poboación desprazada.

"Con estas dúas novas masacres, o exército de ocupación bombardeou e atacou 172 refuxios habitados por decenas de miles de desprazados desde o comezo da guerra xenocida", dixeron as autoridades de Hamas nun comunicado.

O grupo islamita asegura que polo menos 1.040 persoas morreron en ataques israelís contra escolas, refuxio habitual de milleiros de persoas obrigadas a abandonar os seus fogares desde o comezo da guerra.

A Media Lúa Vermella Palestina confirma na súa conta da rede social X o traslado de varias vítimas tras os ataques, xunto a un vídeo que amosa os equipos da organización levando en brazos varios menores ensanguentados.

As forzas armadas israelís confirmaron os bombardeos na escola Hasán Salame, no oeste da capital gazatí, e na escola Naser, tamén na cidade, por tratarse de dous "centros de mando" utilizados polos milicianos palestinos.

Segundo o Exército hebreo, Hamas utilizaba ambos os dous complexos para ocultar os seus combatentes e para planear ataques contra as tropas.

"Antes do ataque tomáronse numerosas medidas para mitigar o risco de danar a civís, incluído o uso de municións precisas, vixilancia e intelixencia adicional", aseguraron.

Este sábado, co mesmo pretexto, o Exército atacou a escola Hamama, tamén na cidade de Gaza,  e matou 16 persoas.

Balance de vítimas

Dende o comezo da guerra morreron na Franxa polo menos 39.538 persoas e máis de 91.000 resultaron feridas, segundo as últimas cifras do Ministerio de Sanidade gazatí, controlado por Hamas.

Mentres, a situación humanitaria continúa empeorando nun territorio onde o 90 % da poboación vive desprazada, moitos en fervedoiros de tendas de campaña sen acceso á auga corrente ou electricidade, e onde as enfermidades se entenden mentres pechan clínicas e hospitais.

Vítimas do ataque nunha das escolas gazatís. REUTERS TV Vítimas do ataque nunha das escolas gazatís. REUTERS TV
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade