O borrador do Goberno sobre a xestión do litoral "non cumpre expectativas" da Xunta
O borrador do Goberno sobre a xestión do litoral "non cumpre expectativas" da Xunta
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, di que a proposta do Executivo central “está carente de algo fundamental como é o número de persoas que nos teñen que trasladar” nin os bens materiais necesarios para asumir esas competencias
Vázquez di ademais que hai grandes diferenzas entre a proposta recibida pola Xunta e a que se fixo a outras autonomías
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, criticou este mércores que o borrador do documento base, enviado polo Goberno central, para concretar a transferencia a Galicia da competencia en xestión do litoral “non cumpre as expectativas”, xa que non concreta cuestións fundamentais.
“Estamos a analizar o borrador que nos trasladaron esta semana”, dixo, pero avanzou que “non cumpre as expectativas que puxo encima da mesa Galicia” mediante unha lei que foi avalada polo Tribunal Constitucional o pasado mes de abril, a pesar de quedar paralizada durante meses polo recurso interposto polo Goberno central.
Así o sinalou a conselleira tras a constitución da Comisión interdepartamental de coordinación da ordenación do litoral na que tamén participaron os conselleiros de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; o de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o de Mar, Alfonso Villares.
Segundo detallou a titular de Medio Ambiente, na Xunta difiren deste borrador, debido a que “está carente de algo fundamental como é o número de persoas que nos teñen que trasladar” para poder asumir a xestión, así como tampouco constan, afirmou, os bens materiais necesarios para asumir esas competencias.
Por iso, anunciou que a Xunta vai esixir ao Goberno central que dea o mesmo trato a Galicia que ao resto das comunidades e que concrete xa os medios materiais e humanos que prevé transferir á autonomía para a xestión da súa costa, para as negociacións que se iniciarán proximamente.
Denunciou que “non estamos ante unha proposta seria; simplemente é un texto ordinario tipo de todos os reais decretos tipo. Unha nova falta de respecto a Galicia”.
Segundo dixo, hai grandes diferenzas entre a proposta recibida pola Xunta e a que se fixo a outras autonomías como Cataluña, Canarias e Andalucía.
Entre outras cousas, establece tres meses para a entrada en vigor do real decreto de transferencia da medios –fronte ao mes establecido noutros casos– e ofrece que Galicia outorgue as concesións para as obras desmontables, pero só cando teñan unha duración superior a catro anos, mentres que noutras comunidades era unicamente de máis dun ano.
Por iso, a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático advertiu que Galicia non se vai conformar con menos do que lle corresponde e que, como comunidade solidaria que é, non vai reclamar nin máis nin menos do que lle pertence para a correcta xestión do seu litoral.
A Xunta calculou que a transferencia de medios afectaría a ao redor dun centenar de persoas, entre funcionarios e persoal laboral, pero lembrou que é o Goberno central o que terá que achegar datos concretos para poder iniciar as negociacións formais.
Con todo, Vázquez confiou en que este borrador aínda poida ser mellorado dado que se abre “unha negociación” e desde a Xunta “imos ser leais co Goberno central”.
“Ten que haber unha negociación e debemos sentarnos canto antes”, reiterou, á vez que aclarou que desde o Executivo galego reclaman ao Executivo estatal “que non estea anquilosado no pasado porque hai unha sentenza e, a partir de aí, urxe que nos sentemos” e se poña sobre a mesa os piares que fagan que “a xestión sexa real” por parte da Comunidade galega e que así “o perciban os cidadáns”.
“Tivemos iniciativa, arriscamos, estabamos convencidos de que tiñamos a razón e agora pedimos ao Goberno central que cese nesa teima de poñer obstáculos”, xa que iso tamén supón “demorar” no tempo a aplicación da norma.
A titular de Medio Ambiente insistiu en que en Galicia “xa estamos preparados para realizar a xestión, que non é só planificar, senón dar os títulos habilitantes, facer informes sectoriais e que a costa siga viva desde o punto de vista económico, cultural e territorial e sen esquecer unha visión integral” do medio.