O Breogán e o Obradoiro ofrecerán un final de liga cheo de incertezas
O Breogán e o Obradoiro ofrecerán un final de liga cheo de incertezas
Quedan seis partidos e os de Mrsic levan un triunfo máis que os de Moncho Fernández
Sae do descenso Breogán cunha vitoria na casa que o Palencia puxo cara tirando do letón Anzejs Pasecniks. Os breoganistas conseguiron reverter a situación volvendo á defensa. Río Breogán quebrou definitivamente o equilibrio con triplas de Momirov e McLemore e unha bonitura de Sergi García para dar aire a un equipo que agora ten por diante seis finais até o doce maio.
Partidos fóra da casa:
X29 Baskonia- Breogán; X31 Granada-Breogán; X34 Murcia-Breogán
Fóra, este domingo, contra Baskonia. A Granada viaxa na xornada 31 e pecha o campionato en Murcia.
Entre medias, os partidos do Pazo contra Gran Canaria, xornada 30, Tenerife na 32 e Andorra a seguir.
Partidos na casa:
X30 Breogán-Gran Canaria; X32 Breogán-Tenerife; X33 Breogán-Andorra
Foille mal o Obradoiro que segue con sete vitorias e penúltimo na clasificación tras perder na cancha do Zaragoza. A estatística condena aos santiagueses que só arramplaron con dous rebotes ofensivos en todo o xogo. Kravic castigou sen descanso á defensa compostelá sen que o bo ton anotador de Thomas Scrubb, que sumou 17 puntos, dera para revirar a situación.
Nin mesmo unha canastra de Dotson, de tres a falta de catro minutos e poñendo a diferenza só nun punto, 80-79, sería inspiradora dun último golpe de ril dos de Moncho Fernández.
Partidos na casa:
X29 Obradoiro-Manresa; X32 Obradoiro-Andorra; X34 Obradoiro-Joventut
Mala comida para un Monbus Obradoiro que comeza a xogarse a salvación en termos definitivos este sábado na casa contra Manresa.
Quedarán aínda as balas de prata do Sar contra Andorra e Joventut e, polo camiño, dúas visitas de prognóstico reservado a Bilbao e Madrid e un derradeiro cartucho contra o pecha cancelas en Palencia.
Partidos fóra da casa:
X30 Bilbao-OBRADOIRO; X31 Real Madrid-OBRADOIRO; X33 Palencia-OBRADOIRO