O Breogán e o Obradoiro precisan un erro do Valencia para soñar coa Copa
Se centramos esta previa na Copa, todo vai depender do que suceda neste recinto, na Fonteta. Unha vitoria, previsible, do Valencia fronte ao Zaragoza deixaría sen opcións reais aos galegos. O Valencia, malia as baixas, acumula catro triunfos seguidos en Europa e vén de incorporar o anotador Shannon Evans.
Á mesma hora que o partido en Valencia, o domingo ás cinco, o Río Breogán visita a pista dun Real Madrid que onte petou contra o muro defensivo do Olympiakos. Derrota clara dos merengues por 13 puntos de diferenza que ceden o liderado da Euroliga ao seu rival desta xornada. Será o reencontro con Musa e cun propósito de emenda tras o revés en Málaga.
Outro rival de altura é o do Obradoiro. Mídese co Baskonia e só ten ao seu favor o factor ambiental. Xogará ás doce, antes que os seus rivais copeiros, polo que nese momento só estará en litixio o noveno triunfo da temporada.
O Baskonia vén de perder na Euroliga co Barcelona. Nun cadro de xogadores excelso conta cun home diferencial. Chámase Markus Howard, un rival para sufrir, un baloncestista para gozar.