Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Breogán perde en Belgrado o camiño cara a Europa

O Breogán perde en Belgrado o camiño cara a Europa

Derrota ante o Meridian serbio por 76-64

O equipo galego chegou a estar dez arriba (34-44), pero o acerto na tripla do seu rival permitiu que este lle dese a volta ao partido

G24.gal 21/09/2022 21:33

O Breogán volveu pisar unha pista europea en partido oficial, pero acabou eliminado na previa da Basketball Champions League. O equipo de Mrsic chegou a dominar o partido no inicio do terceiro cuarto, pero careceu de continuidade para superar o Meridian serbio, que gañou por 76-64. 

Un gran Nenadic mantivo o Breogán no primeiro cuarto. Oito puntos da nova fichaxe lucense para aguantar nun primeiro cuarto de dominio do Meridian pero sen grandes vantaxes (20-17). Bo inicio do segundo cuarto cun 2-7 para coller a primeira vantaxe do partido (22-24). Respondeu o Meridian (30-24) ata a entrada de Kasibabu. Seis puntos seguidos do congolés serviron para reaccionar e ir ao descanso por diante (32-34). 

O intre en que o Meridian rompeu o partido, coa narración da Radio Galega

O mellor momento do partido chegou no terceiro cuarto, cun gran inicio (2-10) e unha máxima vantaxe de dez puntos (34-44). Quedaban sete minutos para rematar o cuarto, e aí foise o cadro galego do partido. Ao Meridian empezaron a entrarlle as triplas e, cun parcial de 21-3, deulle a volta ao resultado (55-47). 

Chegaba o momento decisivo. Un par de canastras de Happ apertaban o marcador (58-54), pero o Meridian volveu ter máis tino en ataque. Cun Valinskas moi inspirado, acompañado polo exbreoganista Jankovic, puxeron terra de por medio (69-59) a dous minutos do final. O resultado foi de 76-64, e con iso remataba a aventura europea do Breogán. 

Meridian 76: Valinskas 14, Frazier 11, Uzundu 11, Jankovic 11, Jenkins 5, Nerandzic 6, Stepanovic 7, Beech 3, Saranovic 3, Manojlovic 5, Simovic.

Breogán 64: Bamforth 5, Happ 14, Nakic 7, Nenadic 17, Sergi Quintela 2, Brajkovic 3, Sergi García 2, Kasibabu 6, Lukovic 2, Momirov, Erik Quintela 6. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade