O Breogán cae en Madrid condicionado pola baixa de Moore (106-69)
O Breogán cae en Madrid condicionado pola baixa de Moore (106-69)
O equipo galego aguantou o ritmo anotador do Real Madrid ata mediado o segundo tempo
Casimiro confirma un problema "grave" da estrela do Breogán xusto antes de viaxar a Madrid
Era case un imposible gañar o WiZink Center coa ausencia de Charlie Moore. O Breogán caeu con claridade (106-69) nun partido no que aguantou o ritmo anotador do Real Madrid durante os primeiros quince minutos. Na mente dos xogadores está o decisivo partido do vindeiro sábado diante do Xirona, un rival directo pola permanencia.
O encontro comezou moi mal para os de Luis Casimiro (14-2) cun Breogán que asinaba un pésimo 0/7 nos lanzamentos de tres. No primeiro cuarto o resultado era de 19-8 pero recuperouse o equipo lugués que conseguiu poñerse a só catro puntos (28-24) mediado o segundo período. Mágoa dos últimos dous minutos antes de ir ao vestiario co acerto de Deck e Llull que devolveron unha cómoda vantaxe aos brancos (43-29).
No terceiro cuarto chegou o momento de Dzanan Musa. Anotou 12 puntos e conseguiu ir unha e outra vez á liña dos tiros libres. Iso e as triplas de Abalde abriron unha fenda definitiva (70-48). No último cuarto a diferenza disparouse por riba dos trinta puntos pero o resultado xa era o de menos. A pelexa do Breogán está noutros encontros, non diante do Real Madrid, co que hai unha diferenza moi grande de equipos.