O can supostamente maltratado de Betanzos desaparece este martes da súa caseta
O can supostamente maltratado de Betanzos desaparece este martes da súa caseta
Berros de "Onde está Orque?" e "Liberdade!" berráronse na protesta convocada pola Asociación Perros Invisibles na súa defensa
Con aplausos e berros de liberdade para Orque rematou a protesta convocada este serán en Betanzos pola plataforma Perros Invisibles, que denuncia o suposto maltrato continuado do can.
Ducias de simpatizantes e amigos da asociación Perros Invisibles, algunhas cas súas mascotas, acudiron á súa chamada en defensa de Orque... pero non o encontraron. A caseta aparecía este serán baleira e nin rastro del.
Concentráronse ante a casa na que vive Orque, na estrada de Betanzos a Sada, xustamente para intentar evitar o sacrificio do can de once anos, enfermo e, din desde a asociación, malnutrido e maltratado desde hai anos, atado permanentemente cunha cadea ás portas da casa.
O caso dérono a coñecer nas redes sociais da asociación, gravando os donos, que aducen que o can está enfermo e que o veterinario non dá esperanzas de mellora. Os donos non apareceron esta noite, pero declararon nos medios sentirse perseguidos e difamados con esta campaña.
Perros Invisibles quería facer presión para que lles cedesen a Orque ou mesmo que llelo vendesen para darlle unha vida máis digna.
A asociación di que a situación de Orque vulnera o artigo 9 da lei da Xunta de Galicia de protección e benestar dos animais de compañía pero aseguran que ao intentar denuncialo no Concello e na Garda Civil ninguén lles fixo caso.