O Cangas terá que seguir sufrindo logo dun mal remate de partido en Nava (30-26)
O equipo cangués foi gañando ata de catro goles, pero non marcou nos últimos 6 minutos
O Cangas perdeu en Nava, nun partido que podía ser o da salvación virtual, e que acabou condenando aos galegos a seguiren mirando cara abaixo, especialmente ao partido dominical entre os dous últimos clasificados, que o pode deixar a tiro do play out.
O partido comezou con dominio local, cun 3-0 que despois se converteu nun 7-3. Pero aí reaccionaron os de Nacho Moyano, que foron quen de equilibrar o choque, e mesmo adiantárense nos últimos dez minutos deste primeiro tempo. Ao descanso, vantaxe mínima por 14-15.
A segunda parte foi moi diferente, malia a que comezaba con moi boas novas, cun 14-18 que non indicaba o que ía acontecer ao final. O Nava reaccionou. Igualou a contenda a 21 no minuto 15. Logo duns minutos de igualdade, rachou definitivamente o partido nos últimos seis minutos, nos que os galegos non foron quen de marcar. Aí pasouse do 26-26 ao 30-26 final. Mario Nevado e Pancho Ahumada, con 9 e 8 goles, comandaron a anotación local. Porparte canguesa, Omar Sherif fixo 6 tantos.
Segunda derrota consecutiva dos cangueses, que seguen cos 18 puntos na táboa.