Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Cangas volve derrotar o Málaga no Gatañal (32-26) e asegura a permanencia

O Cangas volve derrotar o Málaga no Gatañal (32-26) e asegura a permanencia

Logo dunha vantaxe inicial de tres goles dos andaluces, os cangueses dominaron sempre no marcador

Fodorean, o gran artífice do triunfo con 8 goles

O Balonmán Cangas xogará unha temporada máis na Liga Asobal

Foto: Raúl Fonseca
G24.gal 11/06/2023 13:10

O Balonmán Cangas rematou o traballo no Gatañal. Volveu derrotar o Málaga, ao que xa vencera na ida do play off pola permanencia por catro goles, e vai seguir na Asobal. Foi logo dun encontro en que o Málaga entrou mellor, e súas foron as primeiras vantaxes desde o 0-1 inicial. Logo de sete minutos, colocábase xa tres arriba co 3-6. Pero, roubando e saíndo, os cangueses colocaron o 7-6 catro minutos despois.

Tras esa pequena crise inicial, o partido entrou nunha fase de igualdade, cos dous equipos mantendo o ritmo anotador ata que Fodorean comezou a marcar desde 9 metros. Con tres consecutivos rachaba o marcador para o 14-12 a prol dos cangueses, axudado polas paradas de Gerard Forns. Con seis goles na primeira metade, o romanés foi a gran arma dun Cangas que marchou con vantaxe de 16-13 ao descanso.

O Cangas mantivo a vantaxe no treito inicial do segundo tempo, e seguiu apoiándose no acerto de Fodorean que, neste treito, converteuse no máximo goleador do encontro con 8 goles. Vendo pasar os minutos, e incrementarse a renda, que xa era de cinco goles aos dez minutos, a eliminatoria parecía decantada a prol dos galegos. Buscou a reacción o técnico visitante cun tempo morto, pero o Cangas xa ía lanzado cara a permanencia. A vantaxe no marcador seguiu medrando, e a máxima de oito facía xa imposible a remontada dos malgueños.

Os últimos minutos foron un trámite, e a constatación de que o Frigoríficos do Morrazo de Cangas vai seguir entre os grandes, na Liga Asobal. Os xogadores e o corpo técnico celebraron o éxito na pista coa súa afección, aínda que foi unha celebración contida logo dunha temporada que se complicou moitísimo, como recoñecía o adestrador, Nacho Moyano. Para el, "o título para nós non é a permanencia, é ver como está o Gatañal".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade