O Celta Fortuna asalta Riazor e deixa o Deportivo contra as cordas (0-1)
O Celta Fortuna asalta Riazor e deixa o Deportivo contra as cordas (0-1)
Pablo Durán marcou o único gol do partido no minuto 32
Gran traballo defensivo dos vigueses ante un inoperante equipo de Idiakez
O derbi foi para o filial. O Celta Fortuna asaltou Riazor nunha exhición de oficio, de seriedade, fronte a un rival que exhibiu nerviosismo e impotencia.
Na primeira media hora do derbi pasou pouco. As ocasións non foron flagrantes, pero co decurso dos minutos, o Celta Fortuna foi facéndose coa posesión, sentíndose cada vez máis importante sobre o céspede de Riazor.
O gol chegou tras unha recuperación. Bo o traballo de presión dos de Giráldez. Pablo Durán cambia e o balón, cunha certa dose de fortuna, vólvelle chegar. O remate do de Tomiño é impecable. O gol fixo medrar o filial e traumatizou aos locais, que se viron incapaces de frear a Alfon, pouco despois, ata que o seu lanzamento se atopou coa parada dun Mackay que retornaba á titularidade. O Deportivo só incomodou ao rival no balón parado. Pablo Vázquez estivo preto do gol xusto antes do descanso.
Á volta dos vestiarios, tres trocos deportivistas, pero con pouca incidencia no xogo. Os de Idiakez foron envorcando o partido cara á portería de Coke pero con escasas ideas. Enfronte, un Celta Fortuna cuxos xogadores deron unha imaxe de madurez sorprendente en rapaces tan novos. Houbo un gol, marcado por Lucas Pérez, pero o árbitro anulou antes a acción por executar mal o saque de banda.
Un exemplo da consistencia viguesa foi a acción en que o defena Javi Domínguez evita o gol. Fíxoo xa lesionado e foi substituído segundos despois. Non pasou nada máis. Ao final, felicidade para o Celta Fortuna e preocupación e reproches para un Deportivo ao que se lle acenden definitivamente todos os sinais de alarma.