Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Celta Fortuna acaba no cuarto posto e xogará contra o Málaga (1-2)

O Celta Fortuna acaba no cuarto posto e xogará contra o Málaga (1-2)

Un gol de Unai Hernández nos derradeiros intres derrota o filial celeste

G24.gal 25/05/2024 20:33 Última actualización 25/05/2024 23:04

O partido de Balaídos tiña moito en xogo e demostrouse dende o primeiro momento. Os compases iniciais foron para os cataláns que saíron a ter o balón e conseguiron dominar o xogo. Non obstante, os de Freddi estiveron lonxe de amedrentarse e comezaron a gañar terreo cos minutos. Así sería como, nun arranque de Fer López, o balón remataría batendo con fortuna na súa perna cando se metía na área e iría directo onde o meta culé non chegaría. Co vento a favor os de Freddi manterían o resultado ata o tempo de lecer. Malia todo, o resultado nese momento non lles servía para asaltar a segunda posición, pois o Nástic estaba empatando. 

Sería nada máis volver ao terreo de xogo que o Barcelona Atlétic empataría. Unha xogada de Pau Víctor tras unha parede poñeríao fronte a Coke e cruzaría o balón coa perna esquerda. Coas táboas no marcador o Celta veríase máis apertado e implementaría unha marcha máis para volver a adiantarse. O partido estivo igualado, con varias interrupcións por un golpe sufrido na faciana por Gael e outra xogada perigosa máis adiante. Tanto Barcelona como Celta buscaban facerse co partido mais ningún foi quen de crear perigo. 

A acción decisiva foi a lesión de Coke cando o Celta non tiña máis cambios e obrigou aos vigueses a quedar con dez. Recolleu as luvas De La Iglesia e o Barça Atlético cheirou o sangue e foi polo partido. A entrada de Marc Guiu foi decisiva e nunha transición Unai Hernández rematou polo baixo e o inesperado gardameta vigués non conseguiu facerse co esférico. 

Dous a un final nun partido que puido caer para calquera lado, mais que se definiu pola lesión do gardameta Coke. Con este resultado o Celta Fortuna enfrontarase ao Málaga de cara á promoción de ascenso. Ao ser cuarto, o primeiro partido xogarase a semana que vén en Balaídos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade