O cineasta Benoît Jacquot, imputado por violación de dúas actrices, unha delas menor
O cineasta Benoît Jacquot, imputado por violación de dúas actrices, unha delas menor
Foi imputado este mércores por catro cargos relacionados coas violacións das actrices Julia Roy e Isild Le Besco, esta última cando era menor de idade.
As investigacións comezaron a partir das denuncias lanzadas pola actriz Judith Godrèche
O cineasta francés Benoît Jacquot foi imputado este mércores por catro cargos relacionados coas violacións das actrices Julia Roy e Isild Le Besco, esta última cando era menor de idade.
Un xuíz de instrución decidiu a imputación de Jacquot que solicitara a Fiscalía, segundo confirmou esta última, por tres cargos relacionados con Roy por feitos ocorridos entre 2013 e 2018 e outro cargo relacionado con Le Besco entre 1998 e 2000.
Ademais, Jacquot, foi declarado testemuña asistida (unha figura legal francesa que en realidade supón estar a medio camiño entre estar libre de cargos e imputado) na investigación doutras violacións sufridas por Le Besco en 2007 e por Roy entre 2014 e 2018.
Foi posto en liberdade baixo control xudicial, cunha fianzas de 25.000 euros e baixo a prohibición de contactar coas vítimas ou as testemuñas, de realizar actividades con menores, exercer a profesión de realizador de cinema ou participar en actividades públicas relacionadas con esta actividade.
O cineasta, que realizou 52 títulos e é guionista de 31 deles, foi arrestado o luns para ser interrogado pola Brigada de Menores, do mesmo xeito que o tamén director Jacques Doillon, que quedou en liberdade o martes "por razóns médicas".
A Fiscalía ten que decidir de que forma continúa o procedemento en contra de Doillon.
As investigacións contra ambos comezaron a partir das denuncias lanzadas por outra actriz, Judith Godrèche, que o pasado mes de febreiro acusou a Jacquot de violala e a Doillon de agresión sexual.
Despois viñeron as denuncias e acusacións doutras intérpretes e Godreche acabou converténdose na bandeira do Me Too francés cunha intervención na cerimonia dos premios César, outra ante o Senado e finalmente coa presentación dunha curtametraxe documental sobre o tema no último Festival de Cannes.