O cociñeiro vasco Martín Berasategui promove a pescada do pincho de Burela
O cociñeiro vasco Martín Berasategui promove a pescada do pincho de Burela
Berasategui exerce de asesor gastronómico da marca Pescada d& Burela desde os seus restaurantes
O cociñeiro vasco Martín Berasategui, galardoado con doce Estrelas Michelín e doce Soles Repsol, visitou este xoves a lonxa de Burela para promocionar a pescada do pincho como embaixador deste produto pesqueiro.
De feito, Berasategui exerce de asesor gastronómico da marca Pescada d& Burela desde os seus restaurantes e participando activamente nas campañas de promoción.
O acto, organizado pola Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela contou tamén coa participación do conselleiro do Mar. Alfonso Villares destacou a calidade da pescada do pincho desta localidade da Mariña lucense, así como a selectividade e exclusividade da captura desta especie, que se realiza peza a peza con artes de pesca selectiva.
O titular autonómico de Mar fixo fincapé na relevancia de incluír peixe na dieta e sinalou que a rebaixa do IVE contribuiría a aumentar o seu consumo e os ingresos dos profesionais do mar.
Nesta liña, advertiu da necesidade deste tipo de accións de difusión e de contar con profesionais da cociña con tanta experiencia e recoñecementos como Martín Berasategui como embaixadores dos produtos do mar.
Ademais do acto da lonxa, a xornada de promoción e divulgación incluíu a presentación oficial da campaña no salón de Armadores de Burela e unha visita a un buque palangreiro que se dedica á captura da pescada do pincho.