O comisario francés Thierry Breton dimite tras ser apartado da futura Comisión Europea
O comisario francés Thierry Breton dimite tras ser apartado da futura Comisión Europea
O francés mantiña unha tensa relación coa presidenta da CE Ursula Von der Leyen, a quen acusa de apertar a Macron para que retirase a súa candidatura a seguir formando parte do Executivo comunitario
O comisario francés Thierry Breton, inicialmente proposto polo goberno do seu país para continuar na Comisión Europea (CE), anunciou este luns que dimite tras asumir que non formará parte do futuro Executivo da UE.
Segundo afirmou Breton, a presidenta da CE Usrula Von der Leyen apertou o presidente francés Emmanuel Macron para que designe outro candidato, e este aceptou.
"Hai uns días, no último tramo das negociacións sobre a composición do colexio de comisarios, vostede pediu a Francia que retirase o meu nome, por motivos persoais que en ningún momento discutiu comigo, e supostamente ofreceu a cambio unha carteira máis importante para Francia", dixo Breton nunha carta dirixida a Von der Leyen.
O comisario francés, de 69 anos, actualmente responsable da carteira de Mercado Interior, fixo pública esa misiva na rede social X. Nesa carta asume que París presentará agora un novo ou nova aspirante, a pesar de que a súa candidatura fora previamente confirmada, e anuncia que dimite.
I would like to express my deepest gratitude to my colleagues in the College, Commission services, MEPs, Member States, and my team.
— Thierry Breton (@ThierryBreton) September 16, 2024
Together, we have worked tirelessly to advance an ambitious EU agenda.
It has been an honour & privilege to serve the common European interest🇪🇺 pic.twitter.com/wQ4eeHUnYu
"Nos últimos cinco anos, loitei incansablemente por defender e promover o ben común europeo, por encima dos intereses nacionais e partidistas. Foi unha honra. Con todo, á luz dos acontecementos recentes, un testemuño máis dunha gobernanza cuestionable, debo concluír que xa non podo exercer as miñas funcións", agregou o francés.
No presente Executivo comunitario, Breton ocupouse de áreas como a dixitalización, a industria, a defensa ou o espazo.
O liberal francés mantiña unha tensa relación con Von der Leyen, que se fixo evidente cando antes das eleccións ao Parlamento Europeo cuestionou publicamente nas redes sociais o escaso apoio que a cristiano-demócrata alemá solicitara na súa propia familia política, o Partido Popular Europeo, para que esta a presentase como candidata a repetir á fronte da Comisión.
A dimisión anunciada hoxe prodúcese a dous días de que este mércores, en principio, Von der Leyen presente o que será o seu novo colexio de comisarios, que será escrutado individualmente e sometido colectivamente á aprobación do pleno do Parlamento Europeo.
Na actual Comisión Europea, o español Josep Borrell ocupa o cargo de alto representante para a acción exterior da UE e este outono finaliza o seu mandato. É probable que entre no Executivo comunitario a vicepresidenta terceira do Goberno Teresa Ribera, de quen se especula con que ocupará algunha responsabilidade relacionada coa enerxía ou o medio ambiente.
Ribera encabezou a candidatura do PSOE ás eleccións ao Parlamento Europeo, pero non chegou a recoller a súa acta como eurodeputada á espera da súa posible designación.