Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Comisionado do Corredor Atlántico matiza a prioridade do tren a Bouzas logo da réplica de Caballero

O Comisionado do Corredor Atlántico matiza a prioridade do tren a Bouzas logo da réplica de Caballero

"Eu o que dixen é que nós estamos a traballar as conexións (nos portos) e que están nas formulacións, pero non falamos de Bouzas", matizou

Caballero replicoulle que esa conexión rompía a cidade e advertiu dun acordo co Ministerio para non desenvolvela

A Xunta de Galicia demanda claridade nos investimentos do Corredor Atlántico

G24.gal 07/03/2025 14:58

O Comisionado para o Corredor Atlántico, José Antonio Sebastián, asegurou este venres que "non hai caso Bouzas" e matizou as declaracións que realizou a véspera sobre esta conexión que daría saída ferroviaria á produción do grupo Stellantis, e que tivo a réplica do alcalde vigués, Abel Caballero.

"Cando me mencionastes ou alguén preguntou por Bouzas, eu o que dixen é que nós estamos a traballar as conexións (nos portos) e que están nas formulacións, pero non falamos de Bouzas", afirmou aos xornalistas tras a súa intervención nun encontro das Cámaras de Comercio do Arco Atlántico.

Este xoves, horas despois de que Sebastián asegurara en Vigo que o Ministerio de Transportes quería "levar o tren" á terminal de Bouzas "no menor tempo posible" porque era unha infraestrutura "moi necesaria", como a da Plisan, Caballero replicoulle que esa conexión rompía a cidade e advertiu dun acordo co Ministerio para non desenvolvela.

Sebastián insistiu este venres en que "non hai caso Bouzas" e que coa Autoridade Portuaria falou da conexión ferroviaria do chamado 'porto seco', a Plisan, pero non da de Bouzas.

"Visitei a terminal de Bouzas, porque é moi importante, porque con fondos do Corredor van facer os silos de vehículos, pero onte non tratamos Bouzas", afirmou.

Segundo el, só se referiu a Bouzas ao falar deses silos onde se almacenan os coches de Stellantis antes de ser transportados en barco.

"O que estamos a falar é da conectividade do porto, e Bouzas pertence ao porto", engadiu o comisionado, quen lembrou que esa infraestrutura a Bouzas entraña "moitas dificultades" porque "atravesa a cidade".

Ademais, asegurou que el non ten "poder licitador nin executor", senón de controlador dos investimentos.

En todo caso, advertiu de que unha obra como a de Bouzas require que todas as Administracións "teñen que estar de acordo porque son infraestruturas vitais".

Recoñeceu Sebastián que quizais sacou "un pouco do testo o contexto" e insistiu en que van traballar "para as conexións do Porto de Vigo, como non pode ser doutra maneira", aínda que non sexa porto nodal (incluído na rede básica de transportes de Europa).

Preguntado precisamente sobre por que Vigo non forma parte desta rede, lembrou que estes portos nodais deben supoñer "o 1 % da carga de Europa, o 1 % da carga contenerizada ou o 1 % da carga granelera", algo que o porto vigués non cumpre.

De feito, incidiu en que Vigo está "moi lonxe" desas cifras, porque se atopa no 0,60 %.

"Que máis quixésemos nós que Vigo, Avilés ou Cádiz, fixádevos que portos, formen parte do nodo básico do Corredor. Iso non significa, como fixemos con outras cousas, que, aínda que non formen parte da rede básica, os tratemos coma se estivesen", defendeu. 

A Xunta cuestiona o Plan de Investimentos do Corredor Atlántico

O comisionado do Goberno para o Corredor Atlántico tamén falou do futuro AVE que enlazará Vigo coa cidade portuguesa do Porto. Insistiu en que a parte española estará rematada antes que a portuguesa. Unha afirmación que cuestiona o conselleiro de mobilidade, Diego Calvo.

 Calvo, cuestionou o Plan de Investimentos do Corredor Atlántico por falta de concreción e colaboración. Fíxoo nunha mesa redonda co Comisionado desa infraestrutura en que representantes de Cantabria, Asturias e Castela e León expuxeron as súas preocupacións e avances.

Na cuarta conferencia das Cámaras de Comercio do Arco Atlántico, Diego Calvo lembrou que Galicia ten a impresión de que "volve quedar atrás", agora que, "estar no córner" de España "pode supoñer unha oportunidade polos miles de barcos que pasan por diante".

Do Corredor Atlántico afirmou que "o que se presentaron son grandes liñas, a superestrutura do plan, co que ninguén pode estar en desacordo", pero non o "despezamento de todos os investimentos".

Así, pediu ao Comisionado que diga "onde se licitaron" os investimentos dos primeiros meses de 2025 e que obras comprende, porque ata o de agora recollíanse "rozas de noiros e cambios de travesas", que é "mantemento".

"Aquí, alguén en Madrid decidiu que ten suficiente coñecemento do territorio e priorizou unhas conexións sen preguntar ás Administracións que están no territorio", reprochou.

 

Calvo avogou por que as Administracións traballen "xuntas, pero sobre datos concretos" e afirmou que necesitan "confianza".

Na mesa redonda Infraestruturas de transporte do Arco Atlántico, José Antonio Sebastián, comisionado para o Corredor Atlántico, reivindicou a importancia de "as conexións ferroviarias aos portos, sexan as que sexan".

Lembrou que no caso de Galicia están "a acometer accesos ao Porto da Coruña en Punta Langosteira ou ao de Ferrol", dentro dunha "política expansiva".

En canto ao Corredor Atlántico, precisou que ao 7 de marzo licitaron xa obras por 873 millóns de euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade