O comité clínico baralla solicitar outra prórroga do certificado da covid
O comité clínico baralla solicitar outra prórroga do certificado da covid
O conselleiro de Sanidade descarta unha eventual modificación dos topes de comensais por mesa na hostalaría
Julio García Comesaña apoia seguir recomendando a máscara nos recreos mentres non remate a vacinación pediátrica
A Xunta defenderá na próxima xuntanza co Goberno a redución de corentenas e un cambio no seguimento dos casos
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avanza que o comité clínico do martes abordará unha posible nova prórroga do pasaporte da covid en Galicia nos mesmos ámbitos nos que está en vigor e durante outros quince días. Prórroga que, de se adoptar, tería que solicitarse ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Nunha entrevista na Radio Galega, García Comesaña asegura que o "certificado foi e segue sendo un mecanismo" para animar a xente que non se vacinase a facelo. De feito, lembrou que en Galicia, malia ser a comunidade coa porcentaxe máis elevada de poboación diana adulta vacinada de España, "quedan máis de 126 mil persoas" desa poboación diana "que non está vacinada" ou non ten ningunha dose.
"Nós levamos xa dúas prórrogas e as dúas últimas mantendo a situación actual. Na hostalaría, xa dende a última vaga, estendida en todo o horario da hostalaría (...), e tamén seguimos no ámbito socionsanitario e no ámbito dos hospitais tamén seguimos. A proposta se fose prórroga practicamente sería nestes ámbitos nos que estamos a traballar".
O que si descartou, a priori, é que o comité clínico do martes aborde unha posible variación nos topes de comensais por mesa na hostalaría. Di que "non está sobre a mesa revisar isto", asegura que o tope actual é unha "medida progresiva e proporcionada" e que lle parece "razoable" mantela porque "non está supoñendo un problema". Mesmo engade que cre que "van manterse estes parámetros".
Máscara nos colexios
O conselleiro de Sanidade defende seguir recomendando o uso da máscara nos recreos dos centros de ensino galegos "mentres non rematemos" a vacinación pediátrica. E, polo mesmo motivo, ao manter esta "salvagarda nos patios" considera "precipitado" retirar agora a máscara nos interiores dos colexios tal e como propón a Asociación Española de Pediatría.
Propostas de xestión da pandemia
García Comesaña tamén asegurou que a Xunta seguirá defendendo na próxima xuntanza co Estado e coas comunidades autónomas o recorte na duración das corentenas e un cambio no seguimento dos casos positivos ante incidencias moi baixas.
Sobre este particular, o conselleiro dixo que a Xunta lle presentou unha proposta ao Ministerio que inclúe unha "rede de detección precoz non facendo probas a todos os pacientes, senón con médicos sentinelas que nos dean foto orientativa" e tamén traballando na "secuenciación".
O que si especifica é que debería aplicarse cando haxa unha "incidencia acumulada baixa" duns 50 ou 25 casos a 14 días por cen mil habitantes.
"Coa experiencia que imos tendo especificamente nestas variantes menos agresivas pois si que parece razoable mudar o xeito de vixiar e mudar no xeito de protexer especialmente os máis vulnerables".