O Comité Galego de Xustiza Deportiva suspende o proceso electoral da FGA por "contradicións" no censo
O Comité Galego de Xustiza Deportiva suspende o proceso electoral da FGA por "contradicións" no censo
O Comité Galego de Xustiza Deportiva suspende o proceso electoral da FGA por "contradicións" no censo
Antonio Rodríguez Troitiño recurrira a inclusión “de xeito irregular” de 20 escuderías que “incumpren os requisitos establecidos no Regulamento Electoral para ter dereito a voto”
O Comité Galego de Xustiza Deportiva (CGXD) comunicou esta mañá a Antonio Rodríguez Troitiño e á Federación Galega de Automobilismo (FGA) a suspensión do proceso electoral “en tanto non se resolva o expediente que permita determinar a legalidade da composición do censo provisional en canto ao estamento de clubs”.
“Esta decisión excepcional do Comité Galego de Xustiza Deportiva deixa en evidencia os acordos partidistas da Xunta Electoral e frea o intento de Iván Corral de adulterar o proceso electoral coa inclusión no censo provisional, ao noso entender de xeito irregular, de 20 escuderías que incumpren os requisitos establecidos no Regulamento Electoral para ter dereito a voto”, manifestou Antonio Rodríguez Troitiño.
“Non temos nada en contra destas escuderías para solicitar a súa exclusión, pero as regras e obrigas deben ser as mesmas para todos para que o proceso sexa limpo, ecuánime e xusto”, incidiu.
O futuro candidato á presidencia da FGA en representación de Xeración-RenovaFGA recorrera a inclusión no censo provisional das escuderías Amigos do Motor, AKFM, Squadra Racing, Miño, Galaica de Eventos, As Burgas, Fraguas Sport, Sermóvil Barreiros Competición, Taboadela, Amoeiro, Boxes Competición, Historic Motorsport, Team Medical, Gonzasport Competición, Segade, Sohers Competición, ACSM Rally Team, AMF, Amsport Rallye Team e Charli Romero por incumprir o requisito de “ter participado ou organizado desde xaneiro dos dous anos anteriores ao ano de celebración das eleccións nunha competición deportiva oficial celebrada en cada unha das tempadas”.
Cómpre lembrar que por mor da Covid-19, esta referencia ás dúas tempadas anteriores enténdese feita ás tempadas 2018 e 2019, no lugar das tempadas 2020 e 2021, “polas circunstancias excepcionais da pandemia” nestas últimas dúas tempadas. Na resolución emitida esta mañá, o CGXD estima que Antonio Rodríguez Troitiño ten “interese lexítimo en denunciar as irregularidades na composición do censo provisional” por considerar que “están incluidas entidades que non reúnen os requisitos legais para elo” e “ao ser a composición do censo nos distintos estamentos un elemento esencial do proceso electoral federativo que determina as persoas e entidades que deben ser consideradas electoras e elixibles”.