O Concello de Ourense estuda a posibilidade de cobrar para acceder ás zonas termais
O Concello de Ourense estuda a posibilidade de cobrar para acceder ás zonas termais
O cobro de entrada esperta reticencias entre os usuarios
A posibilidade de que haxa que pagar unha entrada para utilizar as termas en Ourense esperta multitude de opinións entre os seus usuarios. Dende os que rexeitan pagar por un servizo que sempre foi público e gratuíto, ata os que entenden que sería razoable aboar unha entrada, iso si, simbólica, coa que contribuír ao mantemento das instalacións. O Concello achegou a idea, polo de agora como unha posibilidade, con vistas a un futuro.
Dende o seu inicio as zonas termais de Ourense, salvo os balnearios, sempre foron gratuítas. A elas acoden cada día centos de persoas. Por iso falar da posibilidade de que haxa que pagar unha entrada resulta cando menos chocante para moitos.
"O ser público é público, é un ben que temos aquí en Galicia, en Ourense sobre todo, que non temos que ter que pagar por el, para iso teñen outras instalacións privadas polas que si hai que pagar, se alguén quere mellor servizo pode pagar."
"Coido que se sempre foron gratuítas non sei por que agora hai que varialo e cobrar por unha cousa que foi sempre de balde."
Esperta reticencias entre os que fan uso das termas de cando en vez, pero especialmente entre os habituais. Din que non entenderían que o Concello tomase unha decisión así.
"Cando cobren por utilizar as piscinas de Oira, as públicas, as ramplas mecánicas, ascensores, por ir ver a rúa do Paseo as luces de Nadal, cando cobren por ir a esas macrofestas que organizan, cando cobren por todo iso que, en teoría, son uns servizos que se lles dan aos cidadáns, entón si estaremos de acordo en que cobren polas termas públicas, pero namentres non." Apunta Enrique Camoeiras, portavoz da plataforma veciñal Amigos das Termas.
Máis comprensivos son os turistas.
"Se cobran unha cousa simbólica e asequible, un ou dous euros por entrada nós pagariámolo."
"Pódese pagar algo e non pasa nada, sabes? a verdade é que axudas os servizos, pero o que pasa é que a xente de Ourense ao mellor non está conforme co tema."
Hai tamén quen entende que ese pago para acceder ás termas, se chega, non debería ser para todos por igual
"Pódenme cobrar a min como turista, eu coido que á xente empadroada en Ourense non tiñan que lle cobrar."
"A xente que ten esas minipagas, que eles non pagasen nada ou algo así, que houbese algunha maneira de controlalo."
Non é esta a primeira vez que sae á palestra, pero polo de agora, tan só é unha idea que está a estudar o Concello.