Feijóo ameaza a Sánchez con investigar as relacións da súa muller con Air Europa
Feijóo ameaza a Sánchez con investigar as relacións da súa muller con Air Europa
O presidente do Goberno pediu a Feijóo que "plante cara á corrupción" no Partido Popular e esixa a dimisión "á señora Ayuso" como presidenta da Comunidade de Madrid
O líder do PP Alberto Núñez Feijóo avisou este mércores ao presidente Pedro Sánchez de que o PP impulsará unha "investigación específica" sobre os vínculos da súa esposa Begoña Gómez con Air Europa se o xefe do goberno non ofrece explicacións.
Na súa resposta, Sánchez emprazouno a "plantar cara á corrupción" dentro da súa formación e solicitoulle de novo que esixa a dimisión da presidenta da Comunidade de Madrid Isabel Díaz Ayuso polo caso de presunta fraude fiscal que afecta á súa parella.
Na sesión de control ao Goberno no Pleno do Congreso, Feijóo afirmou que Sánchez quere "aparentar estar tranquilo" pero "está moi nervioso". Ao seu entender, ten "motivos" e por iso "pon o ventilador á desesperada".
Tras advertir a Sánchez que "se equivoca" se cre que "resolveu as dúbidas do que pasou no seu Goberno e no seu partido" en relación co chamado caso Koldo sobre a presunta trama de mordidas na compra de máscaras durante a pandemia. Da mesma maneira, dixo que tamén se "equivoca" se "cre que deu carpetazo ao que pasou na súa casa", en alusión á relación da súa muller con Globalia.
"Se volve negarse a dar explicacións, e van tres veces que llas pido, haberá unha investigación específica sobre os asuntos que lle afectan á súa contorna máis inmediata, parlamentaria seguro, e xudicial tamén se é necesaria", manifestou o líder do PP, para garantir que "os españois terán a certeza de que o van saber todo".
Sánchez ataca a Feijóo coa parella de Ayuso
Na súa quenda, Sánchez atacou a Feijóo co caso que afecta a parella de Ayuso e asegurou que "gobernar non é vivir na Moncloa, como tampouco é vivir en dous pisos valorados en máis de dous millóns de euros pagados en boa medida pola fraude fiscal a Facenda".
A continuación, o presidente do Goberno pediu a Feijóo que "plante cara á corrupción" no Partido Popular e "esixa a dimisión á señora Ayuso como presidenta da Comunidade de Madrid".
Foi tras esa referencia a Ayuso cando Feijóo lembrou palabras de anos atrás de Sánchez en que defendía a necesidade de orzamentos para gobernar para afirmar que os españois están de acordo con elas. Ao seu xuízo, se se aplicase "a vara de medir do Sánchez de 2018", este pediríalle ao de 2024 que convocase eleccións porque non hai orzamentos e presentaríalle unha moción de censura "porque está cheo de corrupción".
"Quere aparentar estar tranquilo pero está moi nervioso, e fai ben, ten motivos. Por iso -engadiu- pon o ventilador á desesperada e por iso lle digo que os españois necesitamos algo máis, merecemos algo máis e teremos algo máis". A continuación avisoulle de que se cre que resolveu "as dúbidas do que pasou no seu Goberno e o seu partido, equivócase" e "que se cre que deu carpetazo ao que pasou na súa casa, tamén".
Tras o cara a cara entre o presidente do Goberno e o do PP, a sesión continuou con acusacións cruzadas entre os populares e diversos ministros. A de Facenda acusou a Cuca Gamarra de "mentir intentando proxectar dúbidas sobre as axudas a Air Europa". Para a secretaria xeral do PP, "as portas xiratorias no goberno pasaron a ser portas abertas para os comisionistas".
Tamén pediron dimisións dun e doutro lado. O popular Elías Bendodo, reclamaba a saída do ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, que retrucou pedindo a da presidenta madrileña Isabel Díaz Ayuso.
O ton tampouco baixou na comparecencia do ministro de Transportes, solicitada polo Partido Popular, que considera que "a trama segue activa".
Óscar Puente non descarta máis cesamentos no seu departamento, pero pide agardar pola auditoría interna que encargou e a resolución xudicial do caso. Despois, asegurou na súa intervención, será "implicable" coa corrupción.
Esta é a terceira semana que o caso Koldo absorbe o debate parlamentario, e algúns semellan cansos. Aitor Esteban, voceiro do PNV, cualificou a sesión de "lamentable". "Non sei que espectáculo estamos dando e que pretenden uns e outros", laiouse ante os xornalistas.
O déficit público pechou nunha taxa do 3,7 %
O presidente do Goberno Pedro Sánchez avanzou este mércores que o déficit público de España pechou nunha taxa do 3,7 % sobre o Produto Interior Bruto en 2023. Foi na súa primeira intervención na sesión de control no Congreso este mércores e en resposta ao líder da oposición Alberto Núñez Feijóo onde Sánchez confirmou este dato.
"Grazas ao bo desempeño económico do país xa lle podo garantir que este ano imos pechar, ou mellor dito, o ano 2023, imos pechar cun déficit público do 3,7 %", dixo en concreto Sánchez. A taxa, segundo Sánchez, supón cumprir cos obxectivos fiscais que o Goberno marcara previamente, en liña cun proxecto de país marcado polo "diálogo, a convivencia, a responsabilidade fiscal, o crecemento económico, a creación de emprego e dereitos".
"Iso é gobernar, e por certo, gobernar ben", remachou o presidente. Nesta liña, Pedro Sánchez lembrou que foi o propio comisario europeo de Economía Paolo Gentiloni, quen dixo que España "está en mellor forma que a Unión Europea", de modo que o país crece "cinco veces máis que a media da zona de Euro", conta cun dos datos de inflación máis baixos, con case 21 millóns de persoas afiliadas á Seguridade Social e unha taxa de temporalidade do 16 %.