O Congreso apoia o dereito de autodeterminación do Sáhara co voto en contra só do PSOE
O Congreso apoia o dereito de autodeterminación do Sáhara co voto en contra só do PSOE
Sánchez viaxa esta tarde a Marrocos para reiniciar as relacións con Rabat, despois de que España aceptara o plan de autonomía marroquí para o Sáhara Occidental
A maioría do Congreso aprobou este xoves a iniciativa que ratifica o apoio ao Sahara Occidental para que poida elixir o seu futuro nun referendo de autodeterminación dentro do marco das resolucións da ONU e deixou só ao PSOE, que foi o único partido que votou en contra.
O día en que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, viaxa a Rabat para reunirse co rei Mohamed VI, o pleno do Congreso aprobou a iniciativa de Unidas Podemos, ERC e EH Bildu con 168 votos a favor, 118 en contra e 61 abstencións, as de Vox e Ciiudadanos.
O voto negativo dos socialistas creou gran malestar dentro do goberno de coalición e nalgúns deputados do PSOE como Odón Elorza quen, aínda que finalmente acatou a disciplina de voto do grupo parlamentario, lamentou antes da votación o "cambio" do PSOE ante un texto que é "aceptable". Na bancada socialista houbo un foto a favor da iniciativa, o dunha deputada que explicou que foi un erro.
Pedro Sánchez viaxa esta tarde a Marrocos xunto co ministro de Exteriores para formalizar o inicio dunha nova etapa nas relacións bilaterais. Tras ser recibido por Mohamed VI, o presidente español será invitado ao iftar, a cea coa que se pon fin ao xexún diario do Ramadán. Un xesto de máxima cortesía co que o executivo dá por pechada a crise diplomática aberta tras a acollida en España de Brahim Gali.
Para o ministro de Exteriores "ábrese unha nova etapa das relacións entre España e Marrocos da mellor forma posible, co involucramento persoal do rei de Marrocos".
Coa carta a Mohamed VI, en que o Goberno se aliñaba co plan marroquí de autonomía para o Sáhara, a Moncloa quere lograr garantías en asuntos clave como o control da inmigración irregular, a integridade territorial de Ceuta e Melilla e a reapertura das fronteiras, coa reactivación da operación Paso do Estreito.
Pero Sánchez viaxa a Rabat sen o apoio de ningún grupo parlamentario. A número dous do PP, Cuca Gamarra repróchalle a Sánchez que non buscara o apoio principal partido de oposición "para que sexa unha posición de Estado".
Non hai consenso no goberno de coalición. Yolanda Díaz asegura que o Sánchez "cambiou a súa posición, non compartida no noso país nin por Unida Podemos".