Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Congreso aproba por unanimidade a suspensión dos desafiuzamentos ata 2028

O Congreso aproba por unanimidade a suspensión dos desafiuzamentos ata 2028

O Real Decreto foi validado con 342 votos a favor, ningún en contra e tan só 1 abstención

Os grupos acordaron que o texto sexa tramitado como proxecto de lei

G24.gal 13/06/2024 08:26 Última actualización 13/06/2024 13:04

O pleno do Congreso covalidou o decreto lei para prorrogar catro anos máis, ata o 15 de maio de 2028, a suspensión de lanzamentos sobre a vivenda habitual. Saíu adiante con 342  votos a favor, ningún en contra e tan só 1 abstención. Os grupos acordaron que o texto se tramite como proxecto de lei.

O visto e prace produciuse tras un debate no que se expuxo a posibilidade de facer permanente unha medida que leva encadeando prórrogas durante máis dunha década.

Esta última prórroga, que se estenderá ata o 15 de maio de 2028, foi aprobada polo Consello de Ministros un día antes de que caducase, para a súa entrada en vigor con urxencia. 

A ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez, xustificou a necesidade de manter esta protección "para evitar situacións de exclusión social desas persoas que poden perder a súa vivenda se non poden pagar a letra da hipoteca", nunha conxuntura de tipos de xuro en que "o futuro segue sendo incerto", dixo. 

Durante o debate, Sumar e varios socios de investidura avanzaron o voto favorable á medida, pero advertiron que se trata dunha solución temporal.

O deputado de Compromís e portavoz de Vivenda de Sumar no Congreso, Alberto Ibáñez, advertiu á ministra que fan falta máis medidas para garantir o dereito á vivenda, entre as que destacou subir un 3 % o IPREM.

Desde Podemos, Ione Belarra incidiu en que o decreto é "un apósito" no gran problema da vivenda que hai en España, polo que instou o Goberno a expropiar o uso da metade das vivendas en mans de grandes fondos de investimento e bancos. 

O deputado do BNG, Néstor Rego, non entende que a medida sexa temporal e non definitiva, pois déixase a decisión dunha futura prórroga en mans do "goberno de quenda".

O decreto contou co voto favorable dos grupos nacionalistas do Congreso, pero tamén de Vox e do Partido Popular. Así e todo, o portavoz de Vivenda de Vox, Carlos Hernández, dixo que a prórroga da suspensión dos desafiuzamentos é un "parche" e un "patadón adiante".

O portavoz de Vivenda do PP, Joan Mesquida, cargou contra a Lei de Vivenda, que considera que foi "un pago" do PSOE para Podemos, ERC e Bildu na lexislatura anterior e que provocou, entroutras cousas, unha suba desmesurada dos prezos.

O deputado popular defende impulsar unha lei antiocupación, avalar o 20 % as hipotecas para menores de 35 anos na compra da súa primeira vivenda ou eliminar o 50 % dos impostos de transmisións para as familias numerosas, monoparentais ou con persoas con discapacidade ao seu cargo.

O de hoxe foi o cuarto decreto lei que o Goberno de coalición someteu a votación no Pleno do Congreso e a primeira votación importante que afrontou o PSOE desde que a cámara baixa botou abaixo, por falta de apoios, a proposición de lei para abolir a prostitución ou a lei do solo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade