Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Congreso dos Estados Unidos aproba a lei que prohibe Tiktok se non se desvincula da China

O Congreso dos Estados Unidos aproba a lei que prohibe Tiktok se non se desvincula da China

O proxecto foi aprobado por unha ampla maioría na Cámara de Representantes

Para entrar en vigor necesita o visto e prace do Senado e ser ratificada polo presidente Biden

G24.gal 13/03/2024 18:26

A Cámara de Representantes de Estados Unidos aprobou este mércores un proxecto de lei que obrigaría a TikTok a desvincularse da súa empresa matriz na China ou ser prohibido en Estados Unidos.

O proxecto foi aprobado por 352 votos a favor e 65 en contra -dos que 15 votos foron republicanos e 50 demócratas- e agora deberá ter o visto e prace do Senado e ser ratificado polo presidente Joe Biden, quen dixo que asinaría esa lei.

A lei necesita a luz verde do Senado e do Goberno

Neste sentido, o presidente da Cámara de Representantes, o republicano Mike Johnson, instou nun comunicado o Senado a aprobar o proxecto para que o presidente estadounidense poida asinalo e convertelo en lei, pero o líder da maioría do Senado, Chuck Schumer, non indicou se permitirá que a Cámara Alta proceda cun voto no pleno.

De ser aprobada finalmente polas dúas cámaras e o Goberno, daría 180 días á chinesa ByteDance, a empresa propietaria de TikTok, para vender a aplicación nos EUA. Este proxecto de lei sobre TikTok, plataforma que conta con 170 millóns de usuarios nos Estados Unidos, foi introducido polo congresista republicano Mike Gallagher e o demócrata Raja Krishnamoorthi, quen asegurou nun comunicado que "mentres TikTok sexa propiedade de ByteDance, controlada polo Partido Comunista da China, presenta unha grave ameaza para a seguridade nacional estadounidense".

Donald Trump oponse agora á prohibición

Donald Trump desde a Casa Branca tentou prohibir TikTok aludindo ao mesmo motivo da "ameaza para a seguridade nacional", aínda que a medida terminou nos tribunais e foi anulada polo agora presidente, Joe Biden, sen que entrase en vigor. Trump oponse agora á prohibición de TikTok, mentres que a Casa Branca apoia a iniciativa legal para asegurar que os datos recompilados pola rede social nos EUA non acaban en mans da China.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade