Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Congreso dos Estados Unidos blinda o matrimonio homosexual

O Congreso dos Estados Unidos blinda o matrimonio homosexual

O texto tamén recoñece a liberdade relixiosa e evita que se poida obrigar a institucións relixiosas a celebrar esas vodas

G24.gal 08/12/2022 20:02 Última actualización 08/12/2022 20:35

O Congreso dos Estados Unidos aprobou este xoves un proxecto de lei que blinda no ámbito federal o matrimonio entre persoas do mesmo sexo e o protexe da discriminación no caso de que o Tribunal Supremo decidise revogar ese dereito.

A Cámara de Representantes, de maioría demócrata, validouno por 258 votos a favor e 169 en contra, despois de que o Senado se pronunciou na mesma liña o pasado 29 de novembro, con 61 votos positivos e 36 negativos.

O proxecto de lei ten pendente agora a ratificación do presidente Joe Biden para entrar en vigor.

A lexislación promove que o Goberno federal recoñeza o matrimonio entre dúas persoas do mesmo sexo se é legal no estado onde casaron. O mesmo principio aplícase ás vodas interraciais.

O texto tamén recoñece a liberdade relixiosa e evita que se poida obrigar institucións relixiosas como as Igrexas a celebrar esas vodas e que estas perdan beneficios ou exencións fiscais por non facelo.

Este último punto formou parte dunha emenda introducida mediante un acordo bipartidista no Senado, que fixo que o texto tivese que volver agora á Cámara de Representantes para a súa votación definitiva despois de que esta última o aprobou xa en xullo con 267 votos a favor e 157 en contra.

O proxecto de lei revoga ademais a lei de defensa do matrimonio aprobada en 1996, que o define como a unión entre un home e unha muller.

O matrimonio homosexual é legal nos Estados Unidos desde que en xuño de 2015 o Tribunal Supremo declarase inconstitucionais as leis que o prohibían nalgúns estados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade