Medio Rural pide flexibilizar requisitos para optar ás axudas directas da nova PAC
Medio Rural pide flexibilizar requisitos para optar ás axudas directas da nova PAC
Segundo o conselleiro, José González, está en xogo a viabilidade económica dun sector moi afectado pola suba dos prezos da enerxía e das materias primas
A Xunta esixe que se flexibilicen os requisitos para acceder ás axudas directas recollidas na nova Política Agraria Común (PAC), que entrará en vigor en 2023. Nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega, o conselleiro do Medio Rural, José González, indicou que é preciso relaxar estas esixencias mentres o prezo das materias primas e da enerxía sigan á alza.
"Nós o que demandamos é certa flexibilidade na aplicación dos ecoesquemas neste ano de transición no que hai que garantir que cheguen axudas directas ás explotacións para garantir a súa viabilidade económica", afirmou o José González.
O conselleiro expresou a súa preocupación polo incremento dos custes de produción que afectan, especialmente, ó sector do vacún de carne. González explicou que, mentres o vacún de leite reaccionou á suba da inflación aumentando o prezo do leite de 34 céntimos por litro ós 53 céntimos actuais, o vacún de carne non repercutiu a suba dos custes no prezo final do produto.
Segundo González, a Xunta seguirá apoiando ó sector a través de axudas directas que se situaron nos 11 millóns de euros no conxunto deste ano.
O titular de medio rural salienta o papel que desempeña ao vacún de carne extensivo na prevención dos incendios forestais e rexeita a posibilidade de que o Goberno tope o prezo dos alimentos para facer fronte á crise dos prezos. Cre que os grandes prexudicados serían os produtores.
"Se establecemos un límite na distribución do prezo de venda ó consumidor final quen vai sufrir é o operador primario. Eu penso que as políticas neste senso do Goberno central son claramente equivocadas e as mensaxes non son nada favorable para a agricultura e a gandaría", di González.
Na entrevista, o conselleiro do Medio Rural anunciou que no primeiro trimestre de 2023 comezará a funcionar o novo servizo de matadoiro móbil. Un servizo pensado para que o sacrificio de pequenos animais -como ovellas, cabras e porco celta- se faga preto das explotacións para evitar o sufrimento dos animais durante o transporte aos matadoiros.
Ademais, o matadoiro móbil permitirá darlles certa rastrexabilidade aos produtos, xa que poderán ser vendidos de forma directa ao consumidor final.