O crime de Muimenta volve ao TSXG tras un longo percorrido xudicial e dúas condenas para Sandamil
O crime de Muimenta volve ao TSXG tras un longo percorrido xudicial e dúas condenas para Sandamil
O xuízo pola morte da pequena Desirée tivo que repetirse ao considerar que o primeiro veredito non estaba suficientemente motivado
O tres de maio de 2019 Desirée Leal, de sete anos, aparecía morta na cama na casa onde vivía coa súa nai e a súa avoa na localidade de Muimenta, en Cospeito.
Ese día, a avoa avisaba os servizos de emerxencias, que, ao chegar, intentaron reanimar a pequena, pero non puideron facer nada por salvarlle a vida.
No cuarto atoparon signos de violencia. Desde o primeiro momento, os investigadores sospeitaron da nai, Ana Sandamil, quen, desde aquela, pasou por catro procesos xudiciais.
O primeiro, na Audiencia Provincial de Lugo, onde Ana Sandamil asegura que non sabe como pasou o que pasou.
Eran as últimas palabras da nai nese primeiro xuízo, antes de que o xurado popular emitise o seu veredicto.
O 28 de febreiro de 2022, chegaba a primeira condena. A Audiencia de Lugo impúñalle a pena máxima, a prisión permanente revisable, en consonancia co que acordara o xurado popular. Consideraron probado que a nai asasinara a filla ao asfixiala tras subministrarlle un sedante.
Dez meses despois, o alto tribunal anulaba a sentenza porque o veredicto do xurado non estaba o suficientemente motivado. Así, o caso volvía outra vez á Audiencia Provincial de Lugo, onde a acusada mantiña a súa versión.
A segunda condena, o pasado mes de marzo, foi a mesma: a prisión permanente revisable ao considerar que a súa situación psicolóxica non lle impedía ser consciente do que facía, como reiteraron os psiquiatras, que avaliaron o seu estado mental.
Os maxistrados do alto tribunal examinan agora o recurso que presentou a defensa de Ana Sandamil, que incide de novo na suposta incapacidade da nai como consecuencia dos seus problemas mentais.