Publicador de contidos
Publicador de contidos

Glasgow aproba un acordo para limitar o quecemento global e adianta a revisión das emisións

Glasgow aproba un acordo para limitar o quecemento global e adianta a revisión das emisións

O acordo suaviza a mensaxe sobre os combustibles fósiles

Pactos parciais para rematar cos vehículos de combustión e contra a deforestación

España asegura que supón ir "un paso máis aló" do Acordo de París

G24.gal 13/11/2021 20:12 Última actualización 11:00

Con atraso de 24 horas e moita tensión final os representantes dos case 200 países que participan desde hai case tres décadas nas negociacións climáticas lograron pechar este sábado un acordo por unanimidade en Glasgow.

 E o que sae da COP26 non é a solución definitiva á crise climática que golpea o planeta e pon en xaque á humanidade. O acordo final supón polo menos, o recoñecemento de que os países están a errar de xeito colectivo e que precisan incrementar os programas de recorte de emisión de gases de efecto invernadoiro.

Sae un chamamento para que as nacións aumenten os plans climáticos para 2030 durante o próximo ano,  no que se entende como unha mensaxe para China, o principal emisor do mundo nestes momentos. Un país que só se comprometeu a alcanzar o pico de dióxido de carbono antes de 2030.

Lógrase un acordo para cumprir o obxectivo de manter en 1,5 graos o incremento de temperatura global do planeta de aqui a 2100.

  Chama a todos os países a abandonar o carbón, no primeiro chamamento mundial a deixar atrás este combustible.  Suavízase a mensaxe sobre os combustibles fósiles, aínda que o éxito está na inédita ata o de agora referencia a eles. Pídese a retirada dos subsidios para estes combustibles.

Os británicos, como anfitrións, lideraron un intento de eliminar o carbón nas principais economías para o 2030, pero axiña se descolgaron a China, os Estados Unidos, a India e Australia, os principais consumidores.

"Agradezo moito á presidencia británica, que mantivo a vontade de deixar claro e firme que isto marca un fito apoiando a progresiva desaparición do carbón e a progresiva desaparición dos combustibles fósiles", sinalou a ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera.

Certo que o Cumio deixa outros acordos significativos. Por exemplo, o acadado por unha trintena de Estados e seis marcas de automóbiles para acabar coa venda de vehículos de combustión en 2035 nos seus territorios. Ademais, 134 países, que representan o 85% dos bosques mundiais, comprometéronse a poñer fin á deforestación en 2030.

Son pactos que significan avances parciais, pero queda lonxe a meta de frear o quecemento global e de chegar a 100.000 millóns de dólares de financiamento internacional cada ano para favorecer o cambio á economía verde.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade